Contos, xogos e libros gratis toman a Biblioteca de Narón durante todo o mes de outubro

FerrolXa
A programación polo Día Internacional das Bibliotecas inclúe un escape room, contacontos, visitas guiadas, un encontro con escritoras locais e actividades especiais polo Samaín
NARON biblioteca outubro 2026
3 Oct 2026

A Biblioteca Pública Municipal de Narón prepara un mes de outubro cargado de propostas para todos os públicos. Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro, o Concello programou contacontos, xogos, visitas guiadas, encontros con escritoras locais e espectáculos de narración oral, ademais dunha iniciativa que permitirá levar libros de balde para casa.

A programación comeza este sábado 3 de outubro, ás 11.00 horas, coa actividade 'Escape room: os segredos da biblioteca', que terá lugar na Axencia de Lectura da Gándara, na Casa da Mocidade. A proposta, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, estará a cargo de Ludus Formación e Lecer e convidará aos participantes a resolver diferentes misterios a través da observación, o enxeño e o traballo en equipo.

Pero esta será só a primeira das actividades previstas para un mes no que a biblioteca busca achegar os seus servizos a persoas de todas as idades.

Libros que buscan un novo fogar

Unha das iniciativas que xa está en marcha é a mostra 'Do depósito ao teu fogar', que permitirá levar gratuitamente libros retirados da colección da biblioteca.

Durante o verán revisáronse arredor de 1.000 volumes do depósito e localizáronse exemplares duplicados ou triplicados, así como outros materiais que deixan de formar parte da colección pero que poden seguir tendo interese para os lectores.

Entre os exemplares dispoñibles hai novelas, poesía, numerosos contos infantís e catálogos de exposicións de arte. A mostra estará situada na planta baixa da sección de adultos e poderá visitarse durante o horario habitual de apertura.

Os libros estarán dispoñibles ata finais de outubro ou ata que se esgoten as existencias.

Contacontos para pequenos e maiores

A programación continuará o sábado 10 de outubro, ás 11.00 horas, con 'Contos miúdos', unha sesión de narración oral a cargo de Paula Carrera destinada a nenos e nenas a partir de 3 anos e ás súas familias.

A proposta combina contos de dedos con historias narradas e cantadas. As inscricións abrirán o martes 6 de outubro ás 16.00 horas.

Unha semana despois, o sábado 17, será a quenda de 'Ao meu lado podes ser...', de Ana Meilán, unha actividade especialmente pensada para bebés de entre 6 e 36 meses e as súas familias. Animais, personaxes e viaxes en diferentes medios de transporte formarán parte desta proposta, para a que será necesario reservar praza desde o martes 13 ás 16.00 horas.

Estas tres actividades están cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do programa 'Ler conta moito'.

Un encontro con escritoras de Narón

O luns 19 de outubro, ás 18.00 horas, a biblioteca celebrará o Día das Escritoras cun faladoiro titulado 'Elas escriben'.

As autoras naronesas Ana Varela, Isabel Ramos e Raquel Villanueva conversarán sobre cuestións relacionadas co proceso creativo e a realidade das escritoras, como o tempo dispoñible para escribir, os coidados, a conciliación, a visibilidade das autoras ou a creación de personaxes femininas.

O encontro terá unha duración aproximada dunha hora e rematará cun espazo aberto á participación do público. A actividade xorde dun proxecto de prácticas dunha alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero. A entrada será libre ata completar o aforo.

Visitas guiadas e narración oral antes do Samaín

A semana do Día Internacional das Bibliotecas tamén traerá diferentes visitas guiadas. O xoves 22 de outubro, de 18.00 a 19.00 horas, haberá unha actividade aberta ao público xeral. O venres 23 será a quenda das persoas adultas, de 11.00 a 12.00 horas, mentres que esa mesma tarde, de 17.30 a 18.30 horas, realizarase outra visita á Axencia de Lectura da Gándara. Para participar será necesario reservar praza a partir do venres 16 de outubro.

Ese mesmo venres 23, ás 19.30 horas, a sala principal da biblioteca acollerá 'A corva', un espectáculo de narración oral de Cristina Collazo dirixido ao público xuvenil e adulto.

A proposta inspírase na figura de Carmen Montoiro, compoñedora de ósos dunha pequena vila da Estrada, e recupera cantos e relatos da tradición oral galega nun formato participativo especialmente vinculado á chegada do Samaín.

A entrada será libre ata completar o aforo.

O Día das Bibliotecas tamén terá teatro

O sábado 24 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Bibliotecas, Trémola Teatro representará 'A nena que comía todos os libros'. A función comezará ás 11.00 horas e estará dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos e ás súas familias. As inscricións abrirán o martes 20 de outubro ás 20.00 horas.

O programa rematará o sábado 31 de outubro, ás 11.00 horas, coa actividade 'O misterio dos calacús', pensada para nenos e nenas a partir de 4 anos.

A proposta combinará un conto, unha busca de calacús agochados entre os libros e un obradoiro no que cada participante poderá elaborar o seu propio. As prazas poderán reservarse desde o martes 27 de outubro ás 16.00 horas.

 

0.15070796012878