Cortes de tráfico no casco histórico de Neda este sábado pola Senda das Ánimas

O Concello de Neda establecerá este sábado, 31 de outubro, restricións ao tráfico rodado no casco histórico con motivo da celebración da Senda das Ánimas. As medidas buscan facilitar o desenvolvemento da actividade e garantir a seguridade da numerosa rapazada que participará nela.
O primeiro corte estará activo entre as 10.00 e as 23.00 horas na rúa Real, no tramo comprendido entre as inmediacións da praza da Reitoral e a travesía de Sobre a Vila. Durante ese período, tampouco se permitirá estacionar vehículos nesa zona, que deberá permanecer libre para facilitar as tarefas de montaxe, o desenvolvemento do evento e a posterior retirada da decoración.
As limitacións ampliaranse entre as 18.00 e as 22.00 horas. Nesa franxa, o peche da rúa Real estenderase cara á zona máis próxima á Casa Consistorial e á Torre do Reloxo, mentres que tamén quedará prohibido o acceso de vehículos á rúa Sobre a Vila.
Con estes cambios, o Concello pretende facilitar o tránsito peonil entre o final do percorrido de terror e a Casa das Palmeiras, onde se celebrará simultaneamente o tradicional magosto.
O goberno local pide desculpas polas posibles molestias derivadas destas medidas e agradece a comprensión e a colaboración da veciñanza, especialmente das persoas residentes na zona, así como do público visitante.