Daniel Blanco, o mozo de Valdoviño que soña co título mundial: 'Quero seguir mellorando e poder algún día levantar eu a copa'

Hai deportistas para os que unha medalla marca o final dun camiño. Para Daniel Blanco, as dúas que acaba de conseguir no Mundial de Kickboxing de Jesolo son máis ben unha confirmación de que aínda queda moito por percorrer. Con só 18 anos, este veciño de Valdoviño regresou de Italia cun bronce en lightcontact e outro en kicklight, dúas modalidades nas que conseguiu subir ao podio internacional representando a España.
O resultado non cambia, con todo, a súa ambición. Daniel ten claro que o seguinte paso é continuar progresando e que o seu gran soño segue sendo o título mundial. 'Significan que todavía queda camiño para lograr o que todos queremos, que é ser campións do mundo, pero que cada vez estou máis cerca de logralo', explica.
Daniel adestra no Club Juancho Vázquez, xunto aos seus adestradores Beatriz e Ángel, e compaxina a súa preparación deportiva cos estudos. Adestra habitualmente pola tarde, algo que lle permite organizarse sen demasiadas dificultades, aínda que as competicións esixen outro tipo de esforzo. Para poder acudir a elas conta tamén coa colaboración dos seus profesores do ciclo de formación profesional que está a cursar, que lle facilitan a asistencia cando é necesario.
Do fútbol ao tatami

A súa chegada ao kickboxing produciuse en 2019, despois de deixar o fútbol. A porta de entrada foi próxima: a prima dun compañeiro do seu antigo equipo practicaba este deporte no mesmo club e Daniel decidiu probalo.
O que atopou alí fixo que decidise continuar. Máis alá do aspecto competitivo, quedou coa sensación de estar nun ambiente diferente ao que esperaba. 'A tranquilidade e o compañeirismo que hai nestes deportes' foi o que máis lle chamou a atención nos seus primeiros pasos.
A primeira competición, con todo, puxo diante del unha realidade diferente. Lémbraa como unha experiencia moi especial, pero tamén complicada. Era a primeira vez que se presentaba diante dunha persoa descoñecida para enfrontarse a ela nun combate. Desde entón pasaron varios anos nos que a súa evolución non foi sempre lineal. 'Houbo momentos que foi todo moi ben e noutros que parecía que non valía para este deporte', recoñece.
Un salto de nivel que lle fixo pensar en deixar de competir
Un dos momentos máis complicados chegou cando pasou á categoría júnior. Daniel atopouse cunha diferenza de nivel que lle fixo cuestionarse a súa continuidade na competición. Sentía que non conseguía avanzar e chegou a valorar a posibilidade de deixar de competir. Finalmente descartou esa opción.
A decisión permitiulle continuar construíndo unha carreira onde deu un dos seus primeiros grandes saltos cando foi convocado pola selección española por primeira vez o ano pasado. Para el, aquela chamada converteuse no momento máis importante da súa traxectoria ata antes do Mundial. A partir de aí chegou unha nova etapa de preparación e competicións cada vez máis esixentes.
Máis físico para competir ao máximo nivel
Cando se achega unha competición importante, Daniel modifica o entreno e traballo habitual para dar maior peso á preparación física. A razón está na esixencia que atopou nas competicións internacionais e no alto nivel nacional. O cardio ten un papel fundamental para poder manter a presión durante os combates, mentres que no apartado técnico o traballo se adapta ao seu propio estilo de loita e ás accións que mellor lle funcionan.
Esa preparación foi a base coa que viaxou a Jesolo. 'Iba coas expectativas de levarme o ouro', admite. O resultado final non foi o título que buscaba, pero sí dous podios mundiais.
Dous bronces e unha motivación maior

Daniel competiu en lightcontact e kicklight, dúas modalidades que teñen diferenzas importantes. No kicklight está permitida a lowkick, unha patada dirixida ao cuádriceps que non se utiliza no lightcontact e que condiciona boa parte do estilo de combate.
A súa percepción tamén cambia segundo o escenario. Nas competicións nacionais sente maior comodidade no lightcontact, mentres que no ámbito internacional se atopa máis cómodo no kicklight debido á maneira na que se desenvolven os combates nestas disciplinas.
En Jesolo conseguiu o bronce nas dúas modalidades. Subir ao podio dúas veces nun Mundial, representando a España, foi para el motivo de 'unha gran ilusión por poder chegar a estar aí arriba nun campionato do mundo representando o meu país'.
Pero hai outro recordo do torneo que quedou especialmente marcado na súa memoria. Foron precisamente os dous combates que perdeu. Daniel destaca o nivel dos seus rivais e recoñece que un dos seus obxectivos é volver atoparse con eles e conseguir superalos.
Nun deses combates produciuse ademais un xesto que non esqueceu: ao rematar, o seu rival axeonllouse para agradecerlle o combate. Para Daniel, ese momento resume tamén unha parte do que significa este deporte. 'Dentro do tatami todos somos rivais, pero logo fóra lévaste moitas amizades e máis leais que outro tipo', explica.
Un deporte que tamén lle dá seguridade
O kickboxing non ocupa só unha parte da súa vida deportiva. Daniel asegura que tamén lle achegou ferramentas para o día a día. 'O kickboxing dame unha gran seguridade e ademáis é un desestresante boísimo', sinala cando se lle pregunta polo que lle achega o deporte máis alá da competición.
Tamén considera que o kickboxing aínda non recibe todo o apoio que debería, especialmente cando os deportistas chegan a niveis internacionais. Na súa opinión, a condición de deporte non olímpico inflúe no recoñecemento que recibe.
A pesar diso, cada viaxe e cada competición teñen para el un significado especial. Representar a Valdoviño e a Galicia, e facelo tamén coa selección española cando compite internacionalmente, é unha responsabilidade que vive con orgullo. 'Levo o nome da miña comunidade autónoma ou do meu país, como no Mundial, e é unha sensación moi gratificante', explica.
O verán tamén queda atrás
Chegar a este nivel implica sacrificios. Daniel recoñece que durante dous anos tivo que renunciar parcialmente e, nalgúns momentos, completamente ao verán para poder afrontar as sesións de preparación das competicións máis importantes.
Detrás dese esforzo hai tamén unha rede de persoas que considera fundamental. Os seus adestradores son os principais responsables da súa preparación deportiva, pero os seus pais, o seu irmán e a súa parella tamén ocupan un lugar importante na súa traxectoria. Daniel lembra especialmente o apoio do seu irmán, que o acompañou aos adestramentos incluso nos días nos que Daniel non tiña ganas de ir.
O próximo obxectivo: levantar a copa

As dúas medallas de Jesolo xa forman parte do seu palmarés, pero Daniel sabe que aínda queda moito camiño por percorrer. O obxectivo é seguir mellorando, aprender de cada combate e volver prepararse para a próxima oportunidade de loitar polo título mundial. Recoñece que tamén ten pendente unha competición internacional á que chegou sen estar completamente preparado e na que sente que non puido ofrecer o seu 100 %, polo que lle gustaría volver competir nela para afrontala desta vez co máximo nivel de preparación
Porque, por riba das medallas e dos resultados, o que mantén intacta a súa ilusión é aquela mesma motivación coa que comezou en 2019. Se puidese volver atrás e falar con aquel Daniel que daba os seus primeiros pasos no kickboxing, tería claro que dicirlle: 'Os esforzos van dar resultados e hai que seguir sorrindo, se gañe ou se perda'.