Dúas citas gastronómicas animarán novembro con magostos e laconadas en San Sadurniño

FerrolXa
Ferreira celebra o seu magosto este sábado con caldo, castañas e música, mentres que a comisión de Santa Isabel organizará unha laconada popular o día 21
SAN SADURNIÑO magosto y comision fiestas
9 Nov 2026

O calendario festivo de outono en San Sadurniño suma dúas novas propostas gastronómicas para os próximos sábados. A primeira terá lugar este día 14 no local social da Seara, en Ferreira, onde a asociación veciñal O Pico organizará o seu tradicional magosto. Unha semana despois, o día 21, a comisión das festas de Santa Isabel 2027 celebrará unha laconada na praza Ramón Díaz Raña.

O magosto de Ferreira comezará ás 20.00 horas e incluirá un menú con caldo galego, castañas asadas, pan, sobremesa, auga, viño, refrescos e café ou chocolate. O prezo será de cinco euros para as persoas socias da entidade e de dez para as non socias. A xornada contará coa actuación do Dúo Caramelo. Para asistir é necesario reservar no teléfono 696 880 044.

A seguinte cita será a laconada organizada pola comisión de Santa Isabel 2027, que xa prepara as festas da patroa previstas para comezos de xullo. A programación arrancará ás 13.30 horas cunha sesión vermú e continuará cun xantar popular con laconada, sobremesa e café.

Os tíckets custan 25 euros para as persoas adultas e 12 euros para os nenos e nenas a partir dos 12 anos. Os menores desa idade poderán asistir de balde.

Pola tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas, haberá animación infantil e unha merenda gratuíta, con alternativas sen glute. Tamén se organizarán sorteos de agasallos para pequenos e maiores. A música de DJ Sonorama prolongará a festa ata a noite, durante a que se repartirán gratuitamente anacos de pizza e liscos.

Os tíckets poden adquirirse na Floristería La Feria e no Café Bar Santos, así como a través das persoas integrantes da comisión. Para reservas e información tamén están dispoñibles os teléfonos de Tania (633 385 930), Luis (618 850 792) e Diego (639 278 897).

0.15378499031067