Dúas rutas guiadas permitirán descubrir este verán os bosques de Devesos e os cantís de Loiba

A natureza volverá ser protagonista da programación estival coa celebración de dúas novas rutas guiadas incluídas en 'Ortigueira ao paso Verán 2026', unha iniciativa que convida a descubrir algúns dos espazos máis singulares do municipio a través de percorridos interpretados.
A primeira saída terá lugar o martes 4 de agosto polo Sendeiro de Devesos (PR-G 277). A ruta, de 8 quilómetros e dificultade media, partirá ás 9.30 horas desde a Oficina de Turismo en vehículos particulares e finalizará arredor das 14.00 horas. O itinerario comeza no Igrexario de Devesos e atravesa unha ponte e unha antiga aldea antes de bordear a serra da Panda entre vexetación autóctona ata chegar ao Santuario de Portas. O regreso realizarase en taxi ou nos vehículos das persoas participantes.
A segunda proposta desenvolverase o mércores 5 de agosto co Roteiro dos cantís de Loiba, un percorrido circular de 10 quilómetros e dificultade baixa. A saída será ás 9.38 horas en tren desde a estación de Ortigueira e o regreso está previsto ás 16.35 horas desde a estación de Loiba. O roteiro permitirá percorrer distintos miradoiros dos cantís, pasar por Pena Furada e chegar ata a pasarela de Esteiro.
As dúas actividades son gratuítas, aínda que requiren inscrición previa na Oficina de Turismo ou a través do teléfono 981 422 089.