Dúas xornadas de Samaín encherán Cerdido de música, baile e actividades infantís

Cerdido prepara dúas citas para celebrar o Samaín durante a primeira semana de novembro. A programación arrancará o venres 6 co espectáculo 'Cantabaila', que terá lugar a partir das 17.00 horas no pavillón polideportivo da Barqueira.
Baixo o lema 'Bailemos coma todos!', a proposta combinará música e baile nunha actividade pensada para gozar en familia. A xornada incluirá tamén un concurso de cabazas dirixido á rapazada de ata 12 anos. Ademais, as persoas asistentes poderán degustar castañas de balde.
A celebración continuará o domingo 8 de novembro cunha nova xornada festiva que comezará ás 16.30 horas. Segundo o cartel difundido polo Concello, haberá música, espectáculo infantil, obradoiros de maquillaxe e inchables, ademais dun magosto e outras actividades.
As dúas propostas están organizadas polo Concello de Cerdido, coa colaboración da ANPA, e ofrecen distintas alternativas de ocio para que pequenos e maiores poidan participar na celebración do Samaín.