Escritores e especialistas na mitoloxía galega daranse cita esta fin de semana en Vila das Lendas

FerrolXa
Pontedeume acollerá sete encontros os días 7 e 8 de novembro con conversas sobre a memoria da vila, a literatura fantástica, os seres mitolóxicos e o folclore
PONTEDEUME vila das lendas
5 Nov 2026

A literatura, a fantasía e a tradición oral galega serán protagonistas esta fin de semana en Pontedeume coa celebración de Vila das Lendas, un programa que reunirá escritores, escritoras e especialistas na cultura galega os días 7 e 8 de novembro. A iniciativa inclúe sete encontros repartidos entre a Casa da Cultura, a biblioteca e o cemiterio municipal.

A programación comezará o sábado 7 de novembro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, cunha conversa de Xosé Fonte Sardiña arredor de 'Pontedeume, unha vila de lendas', na que percorrerá a memoria e as historias da localidade. O encontro estará moderado pola xornalista Carmen Blanco.

Pola tarde, ás 17.00 horas, Emma Pedreira conducirá 'As horas mortas', un percorrido polo cemiterio de Pontedeume para descubrir as historias das persoas que alí descansan. Para participar nesta actividade cómpre inscribirse a través do correo culturapontedeume@yahoo.es.

A xornada continuará ás 18.00 horas na biblioteca, onde Blanca Rodríguez abordará o universo da novela fantástica e os mundos que nacen da imaxinación. Ás 19.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a intervención de Antonio Manuel Fraga, centrada na novela infantil e xuvenil de fantasía e na súa capacidade para estimular a imaxinación e achegar novos lectores á literatura.

Mitos, folclore e memoria o domingo

A programación continuará o domingo 8 de novembro ás 11.00 horas na Casa da Cultura. Francisco Castro conversará con Natalia de la Peña sobre 'Seres mitolóxicos e literatura galega', nun encontro dedicado ás criaturas e lendas do imaxinario colectivo.

Ás 12.00 horas, David das Tebras levará á biblioteca unha sesión sobre 'Mitoloxía e folclore galego', na que afondará nos mitos, crenzas e misterios da tradición.

O último encontro terá lugar ás 16.00 horas na Casa da Cultura, con Pedro Feijoo, que abordará a relación entre memoria, experiencias vitais e creación literaria en 'Cando unha vida se converte en relato'. A conversa estará moderada por Natalia de la Peña.

En total, Vila das Lendas ofrecerá sete encontros para achegar ao público diferentes perspectivas sobre a literatura, a memoria e a mitoloxía galega.

0.18864798545837