Fene recupera as festas patronais de San Salvador cun programa de música, gastronomía e actividades para toda a familia

FerrolXa
O Concello impulsa a volta dunha celebración histórica os días 5 e 6 de agosto coa intención de consolidala de novo como unha das grandes citas do verán no municipio
FENE festas patronais 2026
31 Jul 2026

O Concello de Fene volverá celebrar este ano as festas patronais de San Salvador, recuperando unha tradición que durante décadas formou parte do calendario festivo da vila. A programación desenvolverase os días 5 e 6 de agosto na Praza do Alcalde Ramón J. Souto González e incluirá música en directo, animación infantil e propostas gastronómicas para todas as idades.

A administración local asume directamente a organización desta edición co propósito de devolver ao municipio unha celebración estreitamente ligada á súa identidade e que coincide co festivo local de San Salvador.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que "as festas patronais forman parte da memoria colectiva de moitas xeracións de feneses e fenesas e consideramos que era o momento de devolvelas ao calendario do municipio". A rexedora sinalou tamén que "desde o Concello asumimos este reto coa ilusión de recuperar unha tradición que nunca debería perderse e de volver converter estes días nun punto de encontro para a veciñanza".

Permuy recoñeceu que recuperar unha celebración destas características "require tempo e esforzo", pero mostrou a súa confianza en que este sexa o primeiro paso para consolidar de novo as festas de San Salvador como unha cita participativa, aberta e pensada para persoas de todas as idades.

A programación arrancará o mércores 5 de agosto. A partir das 19.00 horas instalaranse inchables para a cativada e, ás 20.00 horas, a charanga Galiza Show Machine percorrerá as rúas para animar o ambiente. A xornada rematará coa actuación do Grupo Arizona, prevista para as 22.30 horas.

O xoves 6 de agosto, festividade de San Salvador, a celebración comezará ás 11.30 horas cun pasarrúas de Airiños de Fene. A música continuará entre as 14.00 e as 19.00 horas coa actuación de Rayones e un DJ, que amenizarán a sesión vermú e a sobremesa.

Un dos momentos máis destacados da xornada será a degustación de petiscos de paella, prevista para as 15.00 horas, unha iniciativa coa que o Concello busca favorecer a convivencia entre a veciñanza arredor da gastronomía.

Todas as actividades terán lugar na Praza do Alcalde Ramón J. Souto González. Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta nova etapa das festas patronais co obxectivo de consolidar novamente San Salvador como unha das citas máis representativas do verán en Fene.

0.10856103897095