Fernando Romay será o pregoeiro da XXXVI Festa do Marisco da Ría do Barqueiro

A localidade do Barqueiro, en Mañón, prepárase para vivir dúas xornadas de gastronomía, música e tradición coa celebración da XXXVI Festa do Marisco da Ría do Barqueiro. A cita terá lugar o venres 4 e o sábado 5 de decembro e contará cun convidado especial: o exxogador de baloncesto Fernando Romay, que será o encargado de pronunciar o pregón desta edición.
A programación arrancará o venres ás 19.00 horas cunha misa en lembranza das persoas traballadoras do mar falecidas, que estará acompañada polas voces do Coro Parroquial do Barqueiro.
O sábado concentrará as principais actividades festivas. Ás 13.00 horas, Fernando Romay ofrecerá o pregón, dando paso a unha das citas máis agardadas: un xantar popular cunha bandexa de marisco variado por 20 euros. A sobremesa estará amenizada polo grupo local O Son do Sor.
A xornada continuará pola noite cunha verbena a cargo do Grupo Alaska e o DJ Disco Móbil, que porán música á celebración.
Artesanía, produtos locais e obradoiros no Mercado Rural
A festa gastronómica coincidirá o sábado coa sexta edición do Mercado Rural, que abrirá as súas portas de 11.00 a 19.30 horas no porto do Barqueiro, xunto á lonxa. O mercado reunirá postos de alimentación, artesanía, produtos de proximidade e ecolóxicos, cunha oferta que inclúe mel, queixos, conservas, verduras, froitas, licores, xabóns, xoguetes de madeira, libros, bixutería, antigüidades, plantas e doces, entre outros artigos.
A programación incluirá obradoiros gratuítos de elaboración de candeas durante toda a xornada, ademais de varios sorteos de cestas con produtos do mercado, previstos para as 12.45, 17.00, 19.00 e 19.15 horas. Ás 18.00 horas terá lugar unha degustación de mel con queixo fresco.
A XXXVI Festa do Marisco e o VI Mercado Rural están organizados polo Concello de Mañón e contan coa colaboración de distintas entidades e co apoio da Xunta de Galicia, do programa Xacobeo 2027, de fondos europeos e da Deputación da Coruña.
Dúas propostas que volverán reunir no Barqueiro gastronomía, produto local e ambiente festivo, co marisco da ría como protagonista dunha fin de semana pensada para a veciñanza e os visitantes.