Ferrol en Común pide medidas más contundentes ante el avance da seca na comarca

FerrolXa
A formación considera insuficiente a situación de prealerta e reclama actuar sobre as fugas, recuperar captacións abandonadas e mellorar a xestión do encoro das Forcadas
VALDOVIÑO forcadas sequía
16 Sep 2026

A situación dos recursos hídricos de Ferrolterra continúa xerando preocupación e Ferrol en Común considera insuficientas as medidas adoptadas ata o momento para facer fronte á seca. A formación critica a declaración de prealerta de Augas de Galicia e reclama que se adopten actuacións estruturais ante un problema que, ao seu xuízo, pode repetirse nos próximos anos.

Ferrol en Común cuestiona que a resposta actual se centre principalmente en medidas de concienciación e no control dos caudais. Considera que a situación require actuacións máis contundentes e apunta á necesidade de aplicar medidas como limitar o enchido de piscinas, evitar baldeos innecesarios ou establecer restricións puntuais cando sexa necesario.

A formación considera, ademais, que a previsión meteorolóxica para setembro e a necesidade de recorrer a tratamentos máis intensivos para potabilizar a auga poden agravar os custos e afectar á calidade do recurso.

Un problema que vai máis alá da situación actual

Ferrol en Común defende que a comarca debería contar cun plan de actuación a curto e medio prazo que permita anticiparse aos episodios de seca, en lugar de limitarse a responder cando os recursos xa se atopan baixo presión.

A situación dos encoros e dos ríos da comarca xa provocou problemas importantes durante os últimos meses. O encoro das Forcadas chegou a situarse no 66 % da súa capacidade a finais de xullo, o nivel máis baixo rexistrado nos últimos 25 anos segundo a información trasladada entón por Augas de Galicia. As Forcadas abastece, entre outros, os municipios de Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Ares e Valdoviño.

A situación tamén tivo consecuencias directas en Neda, onde a seca do río Belelle e a menor dispoñibilidade de auga procedente das Forcadas obrigaron o Concello a buscar alternativas para garantir a subministración.

Control das fugas e renovación das canalizacións

Entre as medidas que propón Ferrol en Común figura un maior control das perdas de auga existentes na rede de abastecemento. A formación pon o foco especialmente na fuga histórica da tubaxe da Ponte das Pías, aínda que sinala que existen outras perdas de menor dimensión repartidas polo sistema.

Neste sentido, reclama avanzar na substitución das canalizacións de fibrocemento para reducir as perdas e mellorar a eficiencia da rede de abastecemento.

A formación considera que a redución das perdas debe formar parte dunha estratexia global para afrontar os períodos de escaseza, xa que cada litro que se perde na rede supón un recurso que non pode ser aproveitado para o abastecemento da poboación.

Recuperar o sistema do Belelle e actuar nas Forcadas

Outra das propostas pasa por estudar a recuperación de sistemas de abastecemento que quedaron abandonados. Ferrol en Común cita especificamente o sistema do Belelle desenvolvido no seu día pola Armada, que actualmente se atopa inutilizado na maior parte.

A formación tamén reclama optimizar os recursos existentes no encoro das Forcadas mediante actuacións de limpeza, dragaxe e acondicionamento. Segundo a súa análise, os baixos niveis de ocupación poden repercutir negativamente na calidade da auga almacenada.

A crise vivida este verán en Neda puxo precisamente de manifesto a importancia das distintas fontes de abastecemento da comarca. O río Belelle chegou a quedar sen capacidade para achegar auga á rede municipal, polo que Neda pasou a depender principalmente da traída procedente das Forcadas a través de Narón.

Ferrol en Común pide tamén revisar o plan de desaugamentos das Forcadas ante a previsión de que os períodos de escasas precipitacións poidan converterse nun fenómeno recorrente nos próximos anos.

A formación considera que a resposta á seca debe ir máis alá das campañas puntuais de concienciación e aposta por unha planificación que permita garantir o abastecemento, reducir as perdas e aproveitar mellor os recursos hídricos dispoñibles na comarca.

0.08390998840332