Ferrol en Común reclama un plan urxente ante o colapso de tráfico e aparcadoiro xunto ao CHUF

FerrolXa
A formación denuncia a falta de prazas e os problemas do transporte público na contorna do Arquitecto Marcide, o CIFP Leixa, o CAMF e outros centros
FERROL aparcamiento chuf
11 Sep 2026

A falta de aparcadoiro e as dificultades para utilizar o transporte público na contorna do CHUF levaron a Ferrol en Común a reclamar medidas urxentes para unha zona que, segundo a formación, soporta unha elevada concentración diaria de persoas e vehículos.

O grupo municipal sinala que as obras realizadas na Residencia Arquitecto Marcide provocaron un deterioro do espazo público que, ao seu xuízo, debería ser asumido pola Xunta de Galicia. Entre as consecuencias apunta á ocupación completa dunha beirarrúa na rúa Irmandade Doadores de Sangue, o que reduciu de forma considerable o número de prazas de estacionamento dispoñibles.

Ferrol en Común tamén denuncia o estado do firme desta vía. A formación lembra que a súa reparación suporá para as arcas municipais preto de 200.000 euros, malia considerar que a actuación debería corresponder á Administración autonómica.

A esta situación súmase a remodelación do CIFP Leixa, que está limitando as posibilidades de aparcadoiro dentro do propio recinto. Segundo Ferrol en Común, o centro rexistra unha afluencia diaria superior ás 1.500 persoas entre alumnado, profesorado e persoal laboral.

A contorna concentra ademais unha importante actividade sanitaria e asistencial. O grupo cifra en máis de 2.000 os profesionais que traballan no Arquitecto Marcide, aos que se engaden arredor de 800 consultas externas cada día, preto de 300 atencións de urxencias, acompañantes e vehículos vinculados ao subministro e funcionamento do complexo.

A formación estende a problemática ao CEE Terra de Ferrol, o CAMF, o Hospital Naval e o CAPD Souto de Leixa, configurando unha área na que, segundo denuncia, a capacidade actual das vías e dos espazos de estacionamento resulta insuficiente.

Ferrol en Común sostén que esta situación se converteu nun problema estrutural e critica a falta de respostas do Goberno local. Entre as situacións que considera habituais menciona os prezos do aparcadoiro do CHUF, os autobuses urbanos que circulan completos e non poden recoller máis pasaxeiros e o estacionamento irregular en diferentes puntos da zona.

Ante este escenario, a formación formula catro medidas. A primeira pasa por reforzar as liñas de autobús urbano que conectan coa contorna do CHUF e adaptar as súas frecuencias aos horarios laborais e académicos das persoas que acoden aos diferentes centros. Tamén propón unha bonificación específica e que o servizo se adapte aos criterios establecidos pola Lei de Mobilidade Sostible.

A segunda proposta consiste en habilitar aparcadoiros disuasorios en terreos da zona, comezando por unha parcela de titularidade municipal situada xunto ao CAMF.

Ferrol en Común reclama tamén a humanización de toda a Avenida das Residencias, co obxectivo de mellorar o tránsito peonil e garantir unhas condicións adecuadas de accesibilidade, especialmente para as persoas usuarias do CAMF.

Por último, solicita que o Concello inste á Xunta de Galicia a renegociar a concesión do aparcadoiro do CHUF para reducir o prezo por hora que deben asumir as persoas usuarias, que a formación considera actualmente demasiado elevado.

O grupo defende que a elevada actividade asistencial, educativa e social concentrada nesta zona require unha resposta coordinada que permita mellorar tanto a mobilidade como as condicións de acceso aos diferentes servizos públicos.

0.11415886878967