Ferrol en Común reclama unha solución para os xabaríns do CEIP Juan de Lángara sen sacrificar os animais

A presenza reiterada de xabaríns no recinto do CEIP Juan de Lángara, en Canido, continúa sen unha solución definitiva. A comunidade educativa leva meses alertando da entrada destes animais nas instalacións, mesmo en momentos de actividade escolar, e este xoves volveu reclamar medidas urxentes cunha mobilización convocada pola ANPA, na que tamén participou Ferrol en Común.
A formación municipal mostrou o seu apoio ás familias e advertiu de que a situación afecta tanto á seguridade do alumnado como ao uso habitual dos espazos exteriores. Os encontros cos animais prodúcense mesmo nas horas de entrada ao colexio e durante o servizo de comedor, o que xera preocupación entre a comunidade educativa e dificulta o desenvolvemento normal da actividade do centro.
Ferrol en Común lembra que en xuño presentou unha moción, xunto coa Asociación de Veciños Muiño do Vento, o Club Rugby Ferrol e a rondalla Só Elas, para reclamar actuacións ante os problemas que tamén afectan aos campos de adestramento e outros espazos de actividade destas entidades. A proposta foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do 25 de xuño e incluía a renovación integral do peche perimetral do recinto.
Porén, segundo denuncia o grupo municipal, a única actuación realizada ata o momento foi a colocación dun peche provisional que non impide que os animais accedan ao colexio. Por iso, reclama que o Concello execute as medidas aprobadas e dea unha resposta efectiva ás demandas das familias.
A formación tamén rexeita que a solución pase polo sacrificio dos xabaríns. Fronte a esa posibilidade, defende medidas de xestión da fauna que permitan retirar os exemplares que acceden ao recinto escolar e trasladalos a zonas rurais afastadas da contorna urbana. O seu obxectivo, sostén, é compatibilizar a seguridade do alumnado cunha convivencia respectuosa cos animais.