Fillas de Cassandra presentan 'Tertúlia' este sábado no Pazo da Cultura de Narón

FerrolXa
O dúo galego chega cun novo espectáculo que mestura electrónica, experimentación vocal e música tradicional, nun concerto no que o público tamén formará parte da conversa
Fillas de Casandra
29 Oct 2026

O Pazo da Cultura de Narón acollerá este sábado, 31 de outubro, ás 20.00 horas, o concerto de Fillas de Cassandra, que presentarán en directo 'Tertúlia', o seu segundo álbum. A actuación forma parte da programación do Padroado da Cultura e achegará ao público unha das propostas máis recoñecidas da música galega actual.

O proxecto está integrado polas músicas viguesas María SOA e Sara Faro, que nos últimos dous anos ofreceron máis de 130 concertos. A súa traxectoria despegou co disco de estrea, 'Acrópole', e coa xira 'Últimas Dionisíacas', que as consolidou como unha das revelacións do panorama musical galego, cunha presenza destacada en festivais e feiras profesionais.

Publicado en 2026, 'Tertúlia' conta coa produción musical compartida con Çantamarta e a edición de Altafonte. O álbum explora as conversas cotiás como espazo de encontro, confesión, conflito e celebración colectiva. As charlas entre veciñas, as chamadas entre amigas e os bailes compartidos inspiran un traballo no que as interrupcións, as repeticións, as voces superpostas e os risos forman parte da propia composición musical.

O disco ábrese co sinxelo 'Saír á fresca', que reivindica o valor de compartir as preocupacións e falar delas en comunidade. Musicalmente, o dúo amplía o seu universo sonoro cunha combinación de electrónica contemporánea, experimentación vocal, harmonías e elementos da música tradicional galega. O resultado é unha proposta que transita entre a intimidade, a ironía, a tenrura e a provocación.

O novo traballo chega despois de 'Hibernarse', un proxecto publicado en 2025 en formato de EP, fanzine e videofilme que reflexionaba sobre a necesidade de facer pausas nos procesos creativos.

Con 'Tertúlia', Fillas de Cassandra estrea tamén un novo espectáculo que percorre distintos ambientes, desde a intimidade doméstica ata a festa colectiva. O directo aposta pola enerxía e a interacción co público, que deixa de ser un mero espectador para converterse nunha parte activa da conversa.

As entradas están dispoñibles na billeteira do Pazo da Cultura, durante o seu horario de apertura, e a través da web. O prezo é de 24 euros para o público xeral e de 16,80 euros para a tarifa reducida e as persoas abonadas.

0.15592384338379