Fillas de Cassandra traerá o seu novo disco 'Tertúlia' ao escenario do Pazo da Cultura

FerrolXa
O dúo vigués actuará o 31 de outubro ás 20.00 horas cun espectáculo que combina música, baile e unha proposta escénica que vai da intimidade da casa á enerxía da verbena
Fillas-de-Cassandra
13 Oct 2026

illas de Cassandra presentará o seu novo traballo discográfico, 'Tertúlia', o vindeiro 31 de outubro no Pazo da Cultura, nun concerto que comezará ás 20.00 horas. O dúo formado polas músicas viguesas María Soa e Sara Faro regresa aos escenarios cunha proposta que afonda na súa identidade artística e converte o cotián nun espazo de encontro, celebración e reivindicación colectiva.

O espectáculo toma como punto de partida o segundo álbum do grupo, publicado en 2026 e producido musicalmente xunto a Çantamarta, co selo Altafonte. 'Tertúlia' constrúe un universo no que teñen cabida as conversas entre amigas, as tardes compartidas coas veciñas e os bailes que se prolongan ata o esgotamento. Entre a tenrura e a provocación, o traballo explora as relacións persoais e os pequenos momentos da vida diaria.

A nova proposta chega despois dunha etapa de consolidación para Fillas de Cassandra. Tras superar os 130 concertos nos dous últimos anos, o proxecto converteuse nunha das referencias emerxentes da música galega, grazas ao seu primeiro álbum, 'Acrópole', e á xira 'Últimas Dionisíacas'.

En 2025, María Soa e Sara Faro publicaron tamén 'Hibernarse', un proxecto expandido a través dun EP, un fanzine e un videofilme arredor da necesidade de facer unha pausa nos procesos creativos. Agora, con 'Tertúlia', o dúo abre unha nova etapa cun espectáculo que transita entre os espazos domésticos e a praza pública, entre a sobremesa e a verbena.

O concerto propón un directo enérxico no que o público non se limita a observar, senón que pasa a formar parte desa tertulia colectiva que dá nome ao disco. A actuación combina música e movemento nunha experiencia pensada para compartir, bailar e celebrar a comunidade.

As entradas teñen un prezo de 24 euros para o público xeral, mentres que as persoas abonadas e as que poidan acceder á tarifa reducida pagarán 16,80 euros. A venda está dispoñible a través da web do Pazo da Cultura.

0.10239315032959