Formoso destaca que o Goberno mantén a súa aposta pola planta de SAIC en Ferrolterra

FerrolXa
O alcalde das Pontes valora as declaracións de Óscar López e considera que garanten a compatibilidade do proxecto coa seguridade nacional
DEPUTACIÓN Valentin Formoso
10 Aug 2026

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, valorou positivamente as declaracións realizadas este luns polo ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, en defensa da instalación da planta de SAIC en Ferrolterra.

As palabras do ministro chegan en medio do debate xerado arredor da implantación da fábrica e das garantías de seguridade nacional, unha cuestión que xa provocou distintas reaccións políticas.

Formoso destacou que López trasladou 'unha mensaxe de tranquilidade' ao asegurar que o proxecto poderá desenvolverse garantindo plenamente a seguridade nacional. Para o alcalde pontés, esta posición confirma que o Goberno de España mantén o seu respaldo a un investimento que considera estratéxico para a comarca.

'É importante que o Goberno deixe claro que mantén a súa aposta por esta inversión e que compatibilizará o desenvolvemento do proxecto con todas as garantías en materia de seguridade nacional', sinalou Formoso.

O rexedor lembrou ademais o papel desempeñado polo Goberno central, en coordinación coa Xunta de Galicia, para avanzar nun proxecto industrial que terá tamén un impacto directo nas Pontes, municipio no que está previsto situar parte das instalacións vinculadas á futura factoría.

Formoso considera que as declaracións realizadas este luns polo ministro 'despexan dúbidas e trasladan confianza' sobre a continuidade dun investimento que, ao seu xuízo, será relevante para a creación de emprego, a reindustrialización e o futuro económico de Ferrolterra.

A futura implantación de SAIC, fabricante da marca MG, contempla instalacións tanto no contorno do Porto Exterior de Ferrol como nas Pontes, dentro dun proxecto que a Xunta considera estratéxico para a reindustrialización da comarca.

0.088067054748535