Javier García Galdo presenta en Ferrol o seu novo libro 'Un mar de curiosidades'

FerrolXa
O encontro terá lugar o 20 de novembro no Museo de Ferrol
FERROL presentacion libro un mar de curiosidades
8 Nov 2026

O océano aínda agocha numerosos segredos por descubrir. Con esa idea como punto de partida, o biólogo mariño Javier García Galdo publica 'Un mar de curiosidades', un libro que recompila 40 aspectos sorprendentes do mundo mariño e que se presentará en Ferrol o próximo 20 de novembro, ás 19:30 horas, no Museo de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural.

A publicación, editada por Galaxia, é a continuación de 'Un mar de preguntas', o primeiro libro do autor, publicado en 2025. Nesta nova obra, García Galdo propón unha viaxe divulgativa polos misterios que se agochan baixo a superficie da auga, cunha linguaxe próxima e respostas baseadas no coñecemento científico.

O libro estrutúrase en catro capítulos: 'Seres', 'Comportamentos', 'Fenómenos' e 'Historias'. Ao longo das súas páxinas aborda cuestións como se existen unicornios no mar, se os peixes poden cantar, por que se producen as ondas cadradas ou se hai seres humanos adaptados á vida baixo a auga. Os textos acompáñanse das ilustracións de Roque Araujo, que contribúen a explicar os contidos e fan da publicación unha proposta tamén atractiva como agasallo.

Un divulgador cunha longa traxectoria arredor do mar

Javier García Galdo é biólogo mariño e leva máis de 25 anos traballando en diferentes ámbitos relacionados co medio mariño, desde a súa conservación e xestión ata a sensibilización sobre a importancia dunha pesca e un marisqueo sostibles.

Durante anos divulgou estes coñecementos no programa semanal da Radio Galega 'Mar de Ardora' e, máis recentemente, a través da súa canle nas redes sociais 'Curiosoceano', onde utiliza o nome de Pontonauta. A través dos seus libros e publicacións, busca achegar o coñecemento científico sobre o océano a lectores de todas as idades e fomentar o coidado dos seus ecosistemas.

Catro presentacións en Galicia durante novembro

'Un mar de curiosidades' presentouse o pasado 18 de outubro en Rianxo, no marco da mostra 'Mares da Fin do Mundo', e durante novembro percorrerá varias localidades galegas. A cita de Ferrol será o día 20, ás 19:30 horas, no Museo de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural, cunha presentación a cargo do biólogo mariño Joam Luis Ferreiro Caramés, coñecido como Cesio.

O calendario complétase con outros tres encontros: o 6 de novembro, ás 19:00 horas, no Corte Inglés de Santiago de Compostela, presentado por Marcos Gallego; o 13 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa do Parque do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no edificio Cambón de Vigo, presentado polo director do parque, José Antonio Fernández Bouzas; e o 27 de novembro, ás 18:00 horas, na FNAC da Coruña, presentado por Luis Cousillas, director do Festival Mar de Mares.

O libro xa está á venda nas librarías e ofrece unha lectura divulgativa para achegarse aos habitantes, fenómenos e historias do océano, ao tempo que invita a coñecer e conservar a riqueza do medio mariño.

0.15666198730469