Máis de 50 empresas e entidades participarán na feira de emprego FESTALENT en Ferrol

FerrolXa
O encontro celebrarase o xoves 29 de outubro no Pavillón Municipal de Esteiro e permitirá ao alumnado universitario e de FP coñecer oportunidades laborais, ofertas de prácticas e os perfís profesionais máis demandados
FERROL udc FESTALENT
23 Oct 2026

Máis de 50 empresas, entidades e asociacións de Galicia e doutros puntos de España participarán o próximo xoves 29 de outubro na cuarta edición do FESTALENT, a Feira de Empresas e Talento impulsada polo Campus Industrial de Ferrol no marco do programa ImpúlsaT da Universidade da Coruña (UDC). A cita desenvolverase no Pavillón Municipal de Esteiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 18.00 horas, co obxectivo de achegar o tecido empresarial ao alumnado e facilitar o contacto entre as compañías e as persoas que buscan unha oportunidade profesional.

O evento está dirixido ao alumnado universitario, aos estudantes de ciclos de Formación Profesional e ao público xeral interesado en coñecer as posibilidades de acceso ao mercado laboral. A feira permitirá descubrir a actividade das empresas participantes, informarse sobre os perfís profesionais que demandan e coñecer as oportunidades de emprego e prácticas dispoñibles.

Entre as compañías confirmadas figuran firmas vinculadas á industria naval, á enxeñaría, á enerxía, á tecnoloxía e a outros sectores, como Navantia ou Finsa entre outras.

A representación empresarial completarase coa presenza de organizacións sectoriais, asociacións empresariais e colexios profesionais. Entre eles estarán a Asociación Clúster Naval Gallego (ACLUNAGA), o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (AJE Ferrolterra) e a Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME).

Tamén participarán entidades relacionadas coa orientación laboral, o emprendemento e a inclusión no emprego, como COGAMI, Inserta Empleo da Fundación ONCE, os Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia, o programa Xuventude Mentoring e o Servizo de Emprego da Universidade da Coruña.

Currículos e ofertas laborais a través da web

Ademais do contacto directo nos postos informativos, as persoas asistentes poderán utilizar a aplicación web habilitada para o evento para compartir previamente os seus currículos coas empresas participantes e consultar as ofertas de emprego e prácticas dispoñibles. Esta ferramenta permitirá chegar á feira con información sobre as vacantes e as necesidades de contratación das compañías.

A organización busca así favorecer o encontro entre o talento novo e as empresas, especialmente no caso das persoas que se atopan na procura do seu primeiro emprego ou que queren dar os primeiros pasos na súa carreira profesional.

Pablo Amade pechará a xornada cunha conferencia sobre as narrativas

A programación rematará cunha conferencia de Pablo Amade, fundador e director creativo de Morbo Brand Makers, prevista para as 18.15 horas no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. Baixo o título 'O poder das narrativas', a intervención abordará como as historias permiten construír significados, establecer vínculos e dar forma ás marcas persoais e empresariais.

O relator tamén reflexionará sobre a capacidade das narrativas para conectar co público, transmitir ideas e mobilizar persoas arredor de proxectos. Amade conta con máis de 20 anos de experiencia no ámbito do branding, formouse na Central Saint Martins de Londres e desenvolveu traballos para empresas e institucións como Coca-Cola, Correos e o Museo Guggenheim de Bilbao.

Na actualidade dirixe o estudo independente Morbo Brand Makers, que traballou para marcas e proxectos como o Real Club Deportivo da Coruña e o Real Club Deportivo Espanyol, entre outros.

A participación no FESTALENT require inscrición previa a través da web do Campus Industrial da UDC. Tras completar o rexistro, as persoas inscritas recibirán un correo electrónico de confirmación cun código QR necesario para acceder ao Pavillón Municipal de Esteiro.

0.16765999794006