Mandiá contará cun novo parque infantil cun investimento de máis de 40.000 euros

FerrolXa
O Concello de Ferrol habilitará unha área de xogos xunto ao local da asociación veciñal, cun prazo de execución de tres meses e equipamentos para diferentes idades
FERROL local social mandiá
23 Oct 2026

A parroquia de Mandiá contará cun novo parque infantil nunha parcela anexa ao local da Asociación de Veciños, unha actuación promovida polo Concello de Ferrol para ampliar as opcións de lecer das familias e atender unha demanda da veciñanza.

O concelleiro de Obras e Servizos, José Tomé, anunciou o proxecto e destacou que a nova instalación permitirá reforzar o uso do centro social como espazo de encontro e convivencia. Ademais, complementará os equipamentos previstos na parroquia coa futura construción dunha pista polideportiva cuberta.

Unha área de xogos con equipamentos para diferentes idades

O proxecto contempla a instalación dunha estrutura multixogo, un bambán con asentos adaptados tanto para bebés como para nenos de maior idade e un carrusel. A área situarase na parte posterior da explanada existente, no extremo leste da parcela.

Debido á proximidade da zona de xogos coa calzada, a menos de 30 metros, instalarase un peche perimetral de protección conforme á normativa aplicable. O chan contará cun pavimento continuo de caucho amortecedor para reducir o impacto das posibles caídas, delimitado por un bordo xardineiro de formigón.

Antes de comezar as obras, tamén será necesario retirar a canastra de baloncesto existente, xa que a súa localización é incompatible coa nova distribución do espazo.

Máis de 40.000 euros e tres meses de obras

A empresa Construcciones López Cao S.L. será a encargada de executar os traballos, cun orzamento de 40.241,02 euros e un prazo de execución de tres meses.

Coa creación deste parque infantil, o Concello pretende ampliar os servizos dispoñibles no contorno do local veciñal e facilitar que as familias poidan combinar a participación nas actividades do centro social cun espazo de xogo para os máis pequenos.

0.16178512573242