Manuel Patinha presenta en Narón 'A casa da Faísca', un libro que reivindica a memoria e a pegada dos lugares

A memoria dunha vivenda, as relacións humanas e os acontecementos cotiás que conforman unha vida son o fío condutor de 'A casa da Faísca', o novo libro do escritor e artista portugués Manuel Patinha, presentado este xoves na Biblioteca municipal de Narón. A publicación, escrita en galego e castelán e prologada polo escritor Eduardo Fra Molinero, recupera a historia e as vivencias vinculadas a unha casa da Faísca que continúa existindo na actualidade.
Patinha, nomeado Fillo Adoptivo de Narón, estivo acompañado durante a presentación pola alcaldesa, Marián Ferreiro, que destacou a calidade literaria da obra e a presenza da cidade neste novo traballo do autor.
O escritor explicou que o libro aborda 'a idea dunha vida compartida, a actitude no día a día, como se desenvolven os acontecementos cotiás', buscando transmitir ao lector diferentes sensacións a través das historias que recolle. A publicación combina momentos divertidos con pasaxes máis dramáticas, nas que tamén están presentes cuestións como a enfermidade ou a morte.
O autor definiu a obra como un libro 'moi cru', no que as distintas experiencias vitais se entrelazan arredor dunha vivenda que funciona como escenario e elemento central da narración. A publicación incorpora tamén debuxos orixinais de Patinha, que contribúen a enriquecer o relato.
'A casa da Faísca' constitúe a segunda parte de 'Álvaro', unha obra dedicada á familia de acollida naronesa do escritor, Divina e Álvaro, coa que mantén unha estreita vinculación.
Durante o acto, Marián Ferreiro felicitou a Patinha por este novo traballo e destacou os valores vitais que recolle a publicación a partir do recordo dunha vivenda. A alcaldesa subliñou que a obra invita a reflexionar sobre a importancia das experiencias e dos espazos na vida das persoas, xa que 'as persoas e os lugares deixan unha gran pegada en nós'.
A rexedora desexou finalmente moitos éxitos ao escritor con esta nova publicación, na que Narón volve ocupar un lugar destacado.