Marita Martínez leva a Fene o seu humor sobre as historias de antes e de agora este venres

FerrolXa
A monologuista presentará ‘Contadiña’ ás 20.00 horas no Museo do Humor Xaquín Marín, dentro do ciclo Novembro, mes do humor, con entrada de balde e aforo limitado
FENE contadiña
13 Nov 2026

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acollerá este venres, 13 de novembro, a segunda función do ciclo Novembro, mes do humor, que terá como protagonista a monologuista Marita Martínez. A artista chegará con ‘Contadiña’, un espectáculo que repasa, desde o humor e a retranca, como cambiaron os costumes e as relacións sociais desde os tempos das avoas ata a actualidade.

A través de anécdotas propias e de historias recollidas no seu ámbito familiar e noutras familias, Martínez aborda cuestións como os amores, as regueifas, as festas, os perigos do pasodobre, os alcumes e as peculiaridades do carácter galego. O monólogo convida así a lembrar como eran as cousas antes e a comparalas coas de agora, sen deixar de lado aquilo que, malia o paso do tempo, continúa formando parte da nosa maneira de ser.

A actuación comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde, aínda que será necesario recoller previamente unha invitación. Estas poderán retirarse na conserxaría da Casa da Cultura de Fene o mesmo venres, a partir das 19.00 horas, cun máximo de dúas por persoa adulta. O aforo será limitado.

Marita Martínez é titulada en Maxisterio e especialista en Audición e Linguaxe pola Universidade da Coruña. Conta cunha ampla traxectoria nas artes escénicas, tanto como actriz como monologuista, e participou en distintos espectáculos de Improscenia, entre eles ‘Poe’, ‘Dickens’, ‘Shakespeare’, ‘Agatha Christie’, ‘Homero’ e ‘Galician Horror History’, ademais de ‘Mal de muchos’ e ‘Quéroche un conto’.

Na actualidade forma parte de ‘Impro Come Back’ e ‘Endaterra’. Tamén traballou no ámbito audiovisual, con intervencións en programas da Televisión de Galicia como ‘Luar’ e ‘Malo Será’, e na serie ‘Os Mariachi’. A súa traxectoria inclúe así mesmo a participación na curtametraxe ‘As Tres Caídas de María Santiso’ e nas webseries ‘A Arte de Ser Mal Pai’ e ‘Mataría’.

0.11489009857178