Mofa & Befa levan 'Os dous de sempre' este venres á Casa da Cultura de Neda

A amizade entre Pedriño e Rañolas, dous personaxes tan inseparables como diferentes, chegará este venres, 13 de novembro, ao escenario da Casa da Cultura de Neda. Mofa & Befa, o dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, protagoniza a adaptación teatral de 'Os dous de sempre', a única obra narrativa escrita por Castelao.
A función comezará ás 20:30 horas e estará aberta ao público de xeito gratuíto, aínda que será necesario presentar convite. O Concello de Neda activa este martes o reparto das entradas na biblioteca municipal, onde cada persoa poderá retirar un máximo de dous convites.
A montaxe corre a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que volve levar aos escenarios un dos grandes títulos da literatura galega. Nesta versión, Calvo e Mosqueira dan vida a Pedriño e Rañolas, dous amigos inseparables que representan formas de entender a vida moi distintas: un é un soñador idealista e o outro, un materialista conformista.
O elenco complétase con Josito Porto, baixo a dirección de Quico Cadaval. A proposta forma parte do programa municipal 'Tempo para o teatro' e chega a Neda a través do ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña.