Monfero reúne á súa veciñanza nunha andaina contra a violencia machista polo 25N

FerrolXa
A actividade partiu da Casa do Concello e enmarcouse no programa municipal para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
MONFERO andaina 25n (2)
25 Nov 2026

Monfero saíu camiñar para mostrar o seu rexeitamento á violencia machista. O Concello organizou unha andaina reivindicativa con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, na que participaron veciños e veciñas do municipio.

A actividade comezou ás 10.00 horas desde a Casa do Concello, onde o alcalde en funcións, Alberto Cortizas, recibiu as persoas asistentes e lles deu a benvida antes de iniciar o percorrido. Durante o encontro tamén se repartiu material de sensibilización para contribuír a visibilizar a loita contra as agresións que sofren as mulleres.

A convocatoria enmárcase nas actividades impulsadas polo Concello para denunciar a violencia de xénero e reclamar a súa erradicación. Como parte desta campaña, o balcón da Casa Consistorial luce unha pancarta co lema 'De fronte á Violencia de Xénero', en sinal de rexeitamento aos asasinatos machistas.

Con esta iniciativa, Monfero volveu sumarse ás mobilizacións do 25N e trasladou unha mensaxe de compromiso colectivo fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres. Baixo o lema 'Non á violencia', o municipio reivindica a necesidade de manter a sensibilización e a implicación social durante todo o ano.

0.16521716117859