MoveNeda carga contra Alvariño pola demora na pasarela do Belelle: '27 meses de papeleo para unha obra de seis semanas'

A sinatura do convenio para construír a nova pasarela peonil sobre o río Belelle non puxo fin ás críticas de MoveNeda. A formación da oposición considera excesivo o tempo transcorrido desde o derrubamento da antiga estrutura e cuestiona a xestión realizada polo Goberno local.
Segundo denuncia MoveNeda, a pasarela caeu na noite do 20 ao 21 de maio de 2024 e, 27 meses despois, o Concello e a Deputación da Coruña asinaron o convenio que permitirá executar a nova infraestrutura.
A actuación terá un custo de 199.959,07 euros, dos que a Deputación achegará 159.967,26 euros, o 80%. O proxecto contempla unha nova estrutura metálica apoiada sobre a cimentación existente e un prazo de execución previsto de seis semanas. Antes, con todo, será necesario licitar e adxudicar os traballos.
MoveNeda pon especialmente o foco nos primeiros meses posteriores á caída. A formación asegura que o alcalde anunciou ao día seguinte que se iniciaría 'en breve' a redacción dun novo proxecto, pero sostén que non houbo avances efectivos ata xullo de 2025.
'Que publique o expediente completo e explique que fixo eses catorce meses', reclama a formación, que considera que ese período non ten unha explicación suficiente.
A oposición tamén cuestiona as causas do derrubamento e critica a falta de mantemento da antiga pasarela. MoveNeda considera que a deterioración da madeira podía terse evitado con actuacións preventivas e pide ao Concello que publique os contratos, facturas e informes relacionados coa conservación da estrutura entre 2015 e 2024.
A formación veciñal considera ademais que a nova pasarela deberá contar cun plan de mantemento periódico para evitar que os problemas se repitan no futuro.
Por último, MoveNeda advirte de que a sinatura do convenio non significa que a infraestrutura estea xa en obras. 'Falta licitar, adxudicar e que a empresa comece a traballar', sinala, polo que reclama ao Concello que acelere os trámites para recuperar canto antes este paso peonil sobre o Belelle.