Moveneda propón rebaixar ata un 75% o imposto de circulación dos vehículos eléctricos e híbridos en Neda

FerrolXa
O movemento veciñal defende modificar a ordenanza fiscal do IVTM para bonificar os vehículos menos contaminantes
coche electrico punto recarga (1)
1 Sep 2026

Moveneda presentou unha proposta para modificar a Ordenanza Fiscal do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) en Neda e establecer bonificacións de ata o 75% para os vehículos menos contaminantes domiciliados no municipio.

A iniciativa, defendida pola concelleira de Moveneda Neiva Tristão, contempla unha bonificación indefinida do 75% para os vehículos con distintivo ambiental CERO, como os eléctricos puros e os de pila de combustible. Para os híbridos enchufables e os vehículos de gas con distintivo ECO, propón aplicar a mesma bonificación durante seis anos.

Desde o movemento veciñal sinalan que a medida permitiría reducir o custo anual do imposto tanto para quen xa dispón deste tipo de vehículos como para quen estea pensando en adquirilos. Ademais, propoñen poñer en marcha unha campaña municipal de difusión para informar á cidadanía sobre as bonificacións.

Moveneda sostén que o aforro sería especialmente relevante no caso dos vehículos eléctricos, xa que, segundo explica, o IVTM se calcula en función dos cabalos fiscais e estes automóbiles poden situarse nos tramos máis elevados da táboa. Por este motivo, considera que algúns propietarios de vehículos eléctricos pagan actualmente recibos similares aos de coches de maior tamaño e con motores convencionais.

Como exemplo, o movemento veciñal calcula que un eléctrico compacto duns 13 cabalos fiscais podería pasar de pagar entre 72 e 144 euros anuais a entre 18 e 36 euros coa bonificación do 75%. Isto suporía un aforro de entre 54 e 108 euros cada ano. No caso dun vehículo eléctrico familiar ou SUV duns 17 cabalos fiscais, estima que o recibo podería pasar de entre 90 e 179 euros a entre 22 e 45 euros, cun aforro anual de entre 67 e 134 euros.

A formación incide en que se trataría dunha redución do recibo e non dunha subvención que haxa que solicitar cada ano, sempre que se manteñan os requisitos establecidos. Tamén considera que a medida podería contribuír a reducir as emisións e o ruído nas rúas e situaría Neda nunha posición similar á doutros municipios que xa aplican este tipo de bonificacións.

A proposta, pendente do pleno de setembro

A moción foi rexistrada en maio e Moveneda agarda que poida debaterse no vindeiro pleno municipal, previsto para setembro. O movemento veciñal confía en que a proposta saia adiante co respaldo do resto dos grupos políticos e expón que poida beneficiar tamén a quen adquirise un vehículo durante 2026, aínda que esta aplicación dependerá da aprobación e do que finalmente estableza a modificación da ordenanza.

'Non é cousa de siglas. Queremos apoiar as familias de Neda que fan o esforzo de mercar un coche máis limpo, que poidan notalo no recibo. É xusto, sinxelo e funciona en moitos sitios: só falta dicir que si', sinala Neiva Tristão.

Desde Moveneda defenden que a proposta encaixa nas posibilidades que ofrece a normativa das facendas locais para establecer bonificacións sobre o IVTM e aseguran que este tipo de medidas xa se aplica en numerosos municipios españois.

A formación advirte, non obstante, de que as cantidades concretas de aforro son estimacións, xa que as tarifas do IVTM poden variar en función de cada concello. Segundo explica, as tarifas aplicadas actualmente en Neda non están publicadas na web municipal nin na sede electrónica, polo que para coñecer o importe exacto do recibo é necesario consultar o propio documento e o campo P.2.1 da ficha técnica do vehícu

0.12417483329773