Música tradicional e cultura atlántica tomarán Fene durante dous días co novo festival intercéltico

A música tradicional chegará a diferentes puntos do municipio durante a última fin de semana de agosto coa primeira edición do Festival Intercéltico 'Fene Interculturas', que se celebrará os días 29 e 30 de agosto con agrupacións procedentes de Galicia e Asturias.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Fene e Airiños de Fene, combina actuacións en sociedades culturais e veciñais, música de rúa, desfiles e concertos. O obxectivo é favorecer o intercambio entre agrupacións e achegar a música tradicional a diferentes parroquias.
A programación comezará o sábado 29 de agosto coa recepción oficial das agrupacións participantes, ás 12.00 horas, na Casa do Concello. A partir das 13.15 horas, a música repartirase por diferentes espazos do municipio con actuacións simultáneas.
Sete actuacións en diferentes puntos do municipio
A programación levará Xinzo de Limia ata a SCRD Agarimo de Sillobre e Tapia de Casariego ao CPS San Valentín. Pola súa banda, Sementeira de Cambre actuará no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene.
Na Liga de Amigos de Barallobre estará Terra de Trasancos, do Real Coro Toxos e Froles, mentres que Airiños do Eume actuará na Asociación Veciñal San Xurxo de Magalofes.
Completarán esta programación Vai Rañala Meu, na Asociación Veciñal de Limodre, e Silbarda, na SCRD O Pote de Maniños.
Deste xeito, a organización aposta por repartir as actividades por diferentes lugares, facendo que o festival teña presenza en varias parroquias e non quede limitado a un único espazo.
Un desfile pola avenida Marqués de Figueroa
Xa pola tarde, ás 18.30 horas, a Praza Verde de Perlío acollerá unha actuación de rúa de Silbarda.
A continuación, ás 20.30 horas, terá lugar o gran desfile intercéltico pola avenida Marqués de Figueroa, no que participarán as agrupacións do festival. A comitiva contará tamén coa presenza dos cabezudos do colectivo A Piruchela.
A primeira xornada rematará coa Noite Celta, que comezará ás 21.30 horas na Fonte do Campo e reunirá sobre o escenario ás diferentes agrupacións participantes.
Clausura o domingo en Maniños
A segunda xornada celebrarase o domingo 30 de agosto e estará concentrada en Maniños. Ás 12.30 horas partirá un novo desfile desde o cruce da localidade ata as instalacións da SCRD O Pote.
Alí, ás 13.00 horas, celebrarase o concerto de clausura, no que volverán participar as agrupacións que forman parte desta primeira edición.
A proposta busca converter esta primeira edición de 'Fene Interculturas' nun punto de encontro para diferentes expresións da música de raíz e das tradicións populares, ao tempo que dá protagonismo ás sociedades culturais e veciñais que participan na programación.