Narón reunirá 70 postos no XVII Mercado de Segunda Man no recinto feiral do Trece

O recinto feiral do Trece, na parroquia naronesa de Sedes, acollerá este domingo, 29 de novembro, a décimo sétima edición do Mercado de Segunda Man organizado polo Concello de Narón. A convocatoria contará cun total de 70 postos, a maioría deles procedentes do propio municipio, e abrirá as súas portas en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. A entrada será de balde.
A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, foi a encargada de dar a coñecer os detalles desta nova edición, que permitirá aos visitantes adquirir unha ampla variedade de artigos de segunda man. Entre os produtos que estarán á venda figuran xoguetes, selos, pequenos mobles, libros, louza, roupa e obxectos de decoración, entre outros.
Os postos estarán atendidos por particulares maiores de idade, xa que a convocatoria non está dirixida a comerciantes nin a vendedores ambulantes. Ademais, as bases establecen limitacións sobre os produtos que se poden ofrecer: non estará permitida a venda de artesanía, animais, alimentos nin bebidas.
A edición deste ano volverá combinar a actividade comercial coa colaboración solidaria. Cada persoa responsable dun posto deberá achegar catro quilos de produtos non perecedoiros, que serán entregados ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Ademais, as persoas visitantes que queiran colaborar tamén poderán depositar alimentos nun espazo habilitado para a recollida de produtos destinados ás familias en situación de vulnerabilidade. Desde o centro fan especial fincapé na necesidade de reunir alimentos infantís.
O mercado contará tamén cunha iniciativa para incentivar as compras. As persoas que adquiran algún produto nos postos recibirán vales cos que poderán participar nos sorteos de agasallos durante a mañá e a tarde. Os premios consistirán en produtos de Nadal.
Mar Gómez destacou a boa acollida que adoita ter esta convocatoria e puxo en valor a súa finalidade de favorecer a reutilización de obxectos que xa non se utilizan nos fogares. A concelleira animou a cidadanía a achegarse este domingo ao recinto feiral do Trece para coñecer a variedade de artigos dispoñibles e participar nunha cita que une consumo de segunda man e colaboración solidaria.