Neda abre o prazo para solicitar as axudas ao transporte de estudantes universitarios e de FP

FerrolXa
As subvencións están dirixidas a familias con menos recursos e poderán alcanzar os 500 euros
Transporte xenérica
13 Nov 2026

O alumnado de Neda matriculado en estudos universitarios, ciclos de Formación Profesional, bacharelato ou cursos de formación ocupacional xa pode solicitar as axudas municipais destinadas a sufragar parte dos gastos de transporte durante o curso 2026-2027. O Concello vén de activar esta convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, coa que busca apoiar as familias con menos recursos económicos.

Para acceder ás bolsas, ademais de estar matriculado nalgún dos estudos incluídos na convocatoria, será necesario estar empadroado no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses, atoparse ao corrente das obrigas tributarias municipais e pertencer a unha unidade familiar cunha renda per cápita mensual que non supere os 900 euros.

Unha das principais novidades desta convocatoria é precisamente o incremento do límite de ingresos, que pasa dos 400 euros establecidos en anos anteriores aos 900 actuais. O cambio permitirá que un maior número de familias poida cumprir os requisitos económicos e optar ás subvencións.

As axudas distribuiranse entre as persoas beneficiarias ata esgotar o crédito dispoñible. En ningún caso a contía concedida poderá superar os 500 euros por solicitante.

O prazo para presentar as solicitudes e a documentación correspondente no rexistro xeral da Casa do Concello comeza este venres, 13 de novembro, e permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

0.1253969669342