Neda aproveitará Equiocio Ferrol para promocionar a XXXVI Festa do Pan e os seus atractivos turísticos

FerrolXa
O Concello contará cun expositor no evento, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto en Covas, para dar a coñecer a cita gastronómica e o patrimonio do municipio
NEDA festa do pan
30 Jul 2026

O Concello de Neda volverá participar este ano en Equiocio Ferrol, onde aproveitará a afluencia de milleiros de visitantes para promocionar a XXXVI Festa do Pan, que se celebrará o 6 de setembro, e difundir os principais recursos turísticos do municipio.

Será o sexto ano consecutivo no que a administración local estea presente neste evento, que terá lugar do 6 ao 9 de agosto en Covas e que reúne cada verán afeccionados ao mundo ecuestre chegados de distintos puntos de España e tamén de Portugal.

O expositor de Neda servirá para dar a coñecer a programación da Festa do Pan, unha das celebracións gastronómicas máis recoñecidas da comarca, así como para promocionar o municipio como unha parada destacada do Camiño Inglés, unha das rutas xacobeas con maior crecemento nos últimos anos.

As persoas que se acheguen ao stand tamén poderán obter información sobre outros atractivos turísticos de Neda, entre eles a Fervenza do Belelle, un dos espazos naturais máis coñecidos do municipio, ademais de material divulgativo sobre o seu patrimonio e a súa oferta turística.

A presenza en Equiocio forma parte da estratexia de promoción turística do Concello, que ao longo deste ano tamén participou, da man da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, no encontro 'Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño', celebrado en Reading, no Reino Unido, así como na cuarta edición da Festa do Marisco de Ferrol.

0.091639995574951