Neda pecha o ciclo de cinema documental cunha curtametraxe sobre o Mar Exeo

Neda despedirá este venres o seu ciclo de cinema documental coa proxección de ‘L’archéologue’ (O arqueólogo), unha curtametraxe dirixida por Antón Taboada que recupera a historia do petroleiro Mar Exeo, afundido fronte á Torre de Hércules en 1992. A película aborda este episodio a través da experiencia de Emile Gireau, un escultor francés que leva anos rescatando fragmentos do pecio para convertelos en obras artísticas.
A sesión terá lugar na Casa da Cultura a partir das 20:30 horas e forma parte da programación do “Outono das artes” da Deputación da Coruña. A entrada será libre e a proxección terá unha duración aproximada de 30 minutos.
A proposta audiovisual convida a reflexionar sobre “a memoria, a identidade, e o proceso creativo”, seguindo o percorrido persoal do protagonista, que cuestiona os límites entre a arte, a arqueoloxía e a lembranza. A recuperación dos restos do barco e a súa conversión en pezas artísticas serven así como punto de partida para explorar a relación entre o pasado e a creación.
Con esta curtametraxe, Neda pon o broche final a unha programación que comezou coa presentación de ‘Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade’ e que, ao longo de cinco semanas, achegou ao municipio propostas documentais de temática diversa.
Entre os títulos incluídos no ciclo, ‘Salvaxe, salvaxe’, centrado na convivencia entre lobos e seres humanos, foi o que acadou unha mellor acollida ata o momento. A proxección de ‘L’archéologue’ pechará agora esta programación cultural.