Neda volve subir ao bus do teatro para achegar a veciñanza a Compostela

A veciñanza de Neda terá unha nova oportunidade para gozar do teatro en Compostela sen preocuparse polo desprazamento. O programa 'Sobes ao bus do teatro?' regresa cunha nova saída para asistir a unha das últimas producións do Centro Dramático Galego, 'A serie clopen'.
A actividade terá lugar o venres 18 de setembro. O autocar sairá da contorna da Casa Consistorial ás 15.10 horas, co obxectivo de chegar con antelación ao Salón Teatro de Santiago, onde a función comezará ás 18.00 horas. O regreso está previsto para as 20.00 horas.
As prazas son limitadas e as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición desde este mércores, 2 de setembro, na Biblioteca Municipal. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de setembro ou ata que se cubran todas as prazas. O custe do desprazamento e da actividade será de 5 euros.
'A serie clopen', dirixida por Pablo Reboleiro, ten nas artes circenses un dos seus principais eixos. A montaxe parte de conceptos matemáticos para formular unha reflexión crítica sobre a realidade actual e os retos aos que se enfronta a mocidade, cunha combinación na que tamén teñen un papel destacado a música e o humor.
O elenco está integrado por Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.
O Concello recupera así unha iniciativa que xa contou cunha excelente resposta en edicións anteriores. De feito, as prazas dispoñibles no autocar se cubriron en todas as convocatorias previas.