Nordés organiza unha xornada micolóxica con saída ao monte, xantar e faladoiro no Ortegal

FerrolXa
A saída de campo partirá da estación de tren de Ortigueira e pola tarde haberá unha exposición de especies e unha charla aberta no Abeiro do Sor, en Mañón
MAÑON xornada micoloxica
9 Nov 2026

A asociación Nordés prepara para o sábado 21 de novembro unha xornada dedicada ao mundo dos cogomelos, cun programa que combinará unha saída de campo, un xantar e unha actividade divulgativa aberta á veciñanza.

A mañá estará dedicada a percorrer diferentes hábitats da contorna do Ortegal da man da guía micolóxica Raquel Poncini. O obxectivo é coñecer mellor a bioloxía dos fungos e aprender a identificar as especies que medran na zona.

O punto de encontro será a estación de tren de Ortigueira, ás 8.15 horas. A participación nesta saída será gratuíta para as persoas asociadas a Nordés durante 2026, mentres que as non asociadas deberán aboar 20 euros.

Xantar con boletus no Abeiro do Sor

A partir das 14.30 horas, a programación trasladarase ao Abeiro do Sor, en Mañón, onde terá lugar un xantar para as persoas que desexen continuar coa xornada.

O menú incluirá ensalada rusa, hummus e paella con boletus, ademais dunha bebida e café. O prezo será de 20 euros por persoa, tanto para asociados como para non asociados.

Exposición de especies e faladoiro aberto

A xornada rematará ás 16.30 horas cun faladoiro sobre micoloxía acompañado dunha pequena exposición dos cogomelos recollidos durante a saída. Esta actividade terá lugar no Abeiro do Sor e estará aberta a toda a veciñanza e ás persoas interesadas no mundo dos fungos, sen necesidade de participar nas actividades anteriores.

Inscrición previa para a saída e o xantar

As prazas para a saída de campo son limitadas e requiren inscrición previa. Tamén será necesario reservar para participar no xantar.

As persoas interesadas deben enviar unha mensaxe por WhatsApp ao número 630 742 554. A exposición e o faladoiro da tarde serán de acceso aberto.

0.16167020797729