O Barqueiro acolle a proxección do documental sobre a pioneira da fotografía Mary Quintero

FerrolXa
A cinta, que percorre máis de nove décadas de creatividade da recoñecida retratista galega, exhibirase este mércores no Centro Sociocomunitario
MAÑON documental mary quintero
4 Aug 2026

O Centro Sociocomunitario do Barqueiro, no concello de Mañón, acollerá este mércores 5 de agosto, ás 20.00 horas, a proxección do documental 'Mary Quintero: máis de 90 anos de creatividade', unha obra que reivindica a figura dunha das fotógrafas máis relevantes da historia de Galicia.

A actividade, organizada pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Mañón, súmase á programación do Día Internacional da Fotografía e ofrecerá ao público a oportunidade de coñecer a traxectoria vital e profesional dunha creadora que revolucionou a fotografía de estudo ao longo de máis de sete décadas.

Dirixido por María Ojea, con produción de Roberto Quintero e produción executiva de Fernando Marcote, o documental repasa a evolución artística de Mary Quintero, considerada unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia. A fotógrafa, nacida en Melide en 1931 e establecida en Vigo desde os anos cincuenta, destacou pola súa capacidade innovadora, sendo a primeira profesional en España en empregar técnicas como o proxector de fondos e novos sistemas de retoque fotográfico. Ao longo da súa carreira recibiu recoñecementos como o premio ao Mellor Fotógrafo de España en 1981 e a Medalla de Bronce de Galicia en 2002.

A película afonda tamén no legado dunha profesional que conservou un arquivo de máis de 700.000 imaxes, converténdose nunha testemuña privilexiada da evolución social, cultural e tecnolóxica de Galicia ao longo do último século.

A proxección forma parte dunha xira que está levando o documental por diferentes concellos galegos co obxectivo de achegar ao público a figura dunha muller que abriu camiño nun ámbito tradicionalmente masculino e que contribuíu de maneira decisiva á historia da fotografía galega.

0.084120035171509