O BNG acusa o PP de presentar como propio un proxecto de humanización do Areal que considera 'herdado e recortado'

O BNG de Cabanas valorou positivamente a licitación das obras de mellora e humanización dun tramo da avenida do Areal, aprobada polo Concello por un importe de 582.367,81 euros, aínda que cuestiona a xestión realizada polo actual goberno local do PP. A formación nacionalista considera que se trata dunha actuación impulsada inicialmente durante o anterior mandato e acusa o executivo popular de presentala agora como un logro propio.
Os nacionalistas votaron a favor da licitación ao considerar necesaria a intervención, aínda que o seu portavoz municipal, Iago Varela, sinala que apoiar a obra non implica compartir o relato do goberno local sobre a súa orixe. “O BNG non vai votar en contra dunha obra que consideramos necesaria para Cabanas. En política municipal hai unha regra de responsabilidade básica: mellor algo que nada”, afirma Varela, que engade que votar a favor non significa “mercarlles a moto nin permitir que se reescriba a historia”.
Segundo o BNG, o proxecto de humanización da avenida do Areal foi promovido durante o anterior mandato cunha actuación integral sobre a N-651 para abordar problemas relacionados coa accesibilidade, a seguridade viaria, a mobilidade, o saneamento e a iluminación.
O proxecto inicial e os fondos da Deputación
A formación nacionalista sostén que o Partido Popular criticou o proxecto durante a pasada campaña electoral e que, tras acceder ao goberno municipal, a actuación quedou paralizada. O BNG asegura que o Concello chegou a renunciar ao proxecto en decembro de 2023 e que posteriormente levou ao pleno municipal unha iniciativa para instar ao executivo a reverter esa decisión e evitar a perda dunha subvención de 180.000 euros concedida pola Deputación da Coruña.
“Chegamos a ter que levar o asunto ao pleno para que o goberno municipal reaccionase e evitase perder uns fondos que xa estaban conseguidos”, afirma Varela. O portavoz nacionalista considera que a intervención que agora se licita é una versión “recortada” da proposta inicial e critica que o PP pretenda presentala como una iniciativa propia.
A actuación actualmente prevista afecta aproximadamente a 270 metros da N-651, entre a zona de Tras da Vila e a contorna da Travesía do Oito. As obras contemplan a renovación do saneamento, o soterramento de cableados, a mellora das beirarrúas e da accesibilidade e a creación ou renovación de pasos peonís.
Para o BNG, estas actuacións permitirán mellorar as condicións de mobilidade da veciñanza, pero non resolverán todos os problemas existentes na avenida. A formación considera que a intervención debe entenderse como “un primeiro paso” cara a unha transformación máis ampla da estrada ao seu paso polo núcleo urbano.
O BNG reclama unha actuación integral na N-651
O portavoz nacionalista sinala que a avenida do Areal presenta desde hai anos dificultades para o tránsito peonil, especialmente para persoas maiores, persoas con mobilidade reducida ou familias con carriños de bebé. Segundo Varela, existen beirarrúas estreitas, obstáculos no itinerario peonil, pavimentos deteriorados e puntos nos que se interrompe a continuidade do percorrido.
Por este motivo, o BNG defende que o Concello debe continuar reclamando unha actuación integral sobre a N-651. “O que Cabanas necesita é unha transformación integral da N-651 ao seu paso polo núcleo urbano”, afirma Varela, que considera que o tramo que agora se vai licitar permitirá mellorar unha parte da situación, pero deixará pendentes outros puntos da estrada.
A formación nacionalista tamén coincide coa necesidade de que o Ministerio de Transportes se implique economicamente, ao tratarse dunha estrada de titularidade estatal. Neste sentido, lembra que as demandas para humanizar a N-651 ao seu paso por Cabanas se remontan aos primeiros anos da década dos 2000 e que, segundo o partido, diferentes gobernos estatais chegaron a anunciar actuacións e incluír partidas orzamentarias que finalmente non se executaron.
O BNG asegura que durante este período mantivo a reivindicación tanto desde o Concello de Cabanas como no Congreso dos Deputados, reclamando financiamento para acometer a transformación da vía.
Críticas á xestión do goberno local
Máis aló da actuación concreta do Areal, o BNG enmarca as súas críticas nunha valoración máis ampla da xestión do actual goberno municipal. Varela asegura que, segundo a súa análise, boa parte dos proxectos de maior dimensión que se están executando ou impulsando en Cabanas proceden do anterior mandato.
“Levamos tres anos vendo como os únicos proxectos de certa dimensión que chegan a Cabanas son proxectos deseñados, financiados e iniciados no mandato anterior”, afirma o portavoz nacionalista, que acusa o executivo local de centrarse mentres tanto en actuacións de menor dimensión.
O BNG insiste en que apoiará as obras da avenida do Areal porque considera que son necesarias para a veciñanza, pero anuncia que tamén fiscalizará a súa execución. “A veciñanza non necesita propaganda nin cintas de inauguración: necesita que as obras se fagan e que se fagan ben”, conclúe Varela.