O Camiño Gastronómico do Mar culmina sete etapas pola costa galega cunha última parada en Neda

O Camiño Gastronómico do Mar concluíu este domingo a súa edición de 2026 despois de sete semanas de percorridos pola costa norte galega. A última etapa levou a unha trintena de peregrinos desde Loira, en Valdoviño, ata Neda, onde finalizaron o itinerario no albergue de peregrinos tras completar unha xornada marcada polo mal tempo.
A iniciativa, impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e a Asociación Amigos do Camiño do Mar, combina o sendeirismo e a promoción dunha ruta xacobea que conecta o Camiño Norte co Camiño Inglés a través da costa. Durante sete domingos, os participantes percorreron diferentes treitos entre Ribadeo e Neda, atravesando municipios da Mariña lucense e Ferrolterra-Rías Altas.
A última degustación gastronómica tivo lugar en Pantín, onde se serviu lombo de pescada con grelos e guiso de outono con choupas. A proposta culinaria puxo o broche a unha programación que, en cada etapa, achegou aos peregrinos diferentes especies comercializadas pola lonxa de Burela.
Ao longo das xornadas puidéronse degustar elaboracións con pescada do pincho, bonito do norte, tintureira, raia, peixe sapo, pota, peixe espada, bertorella, cabra de altura e xurelo, entre outras especies. A iniciativa busca dar a coñecer a variedade de produtos das flotas pesqueiras de Burela e fomentar o seu consumo.
O proxecto tamén persegue divulgar o patrimonio paisaxístico e cultural dos quince municipios polos que discorre o Camiño do Mar, ademais de promover hábitos saudables a través da actividade física e da alimentación baseada no peixe.
Tras a finalización desta edición, a Asociación Amigos do Camiño do Mar volverá a Neda durante a primavera no marco da iniciativa 'Concello a Concello', coa que continuará percorrendo e promocionando os municipios vinculados a esta ruta xacobea.