O Camiño Gastronómico do Mar remata en Narón a súa última etapa de 2026 cunha parada no CIMIX

FerrolXa
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recibiu os participantes no CIMIX, onde selou as súas credenciais
NARON camiño do mar museo xuvia
24 Nov 2026

O Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia (CIMIX) converteuse nun dos puntos de referencia da última etapa do VII Camiño Gastronómico do Mar, que puxo o broche á súa edición de 2026 cun percorrido por Valdoviño, Narón e Neda. A iniciativa chegou así ao seu sétimo e derradeiro tramo, no que os participantes puideron descubrir diferentes espazos do territorio vinculados ao litoral, ao patrimonio e á gastronomía.

Ao seu paso por Narón, o itinerario adentrouse na contorna da desembocadura do río Grande de Xuvia e rematou no CIMIX, un espazo dedicado á interpretación e divulgación do patrimonio dos muíños da zona. Alí recibiu o grupo a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que lles deu a benvida institucional en nome do Concello e felicitou a organización polo desenvolvemento da iniciativa.

Durante a visita, Hermida tamén estampou o selo do Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia nas credenciais das persoas participantes, incorporando así esta parada ao percorrido da ruta. A chegada ao CIMIX permitiu situar Narón dentro dunha proposta que busca conectar os distintos municipios a través dos seus recursos naturais, culturais e gastronómicos.

A última etapa compartiuse cos concellos de Valdoviño e Neda, completando un itinerario que, no caso deste último municipio, enlaza co histórico Camiño Inglés. Con esta xornada concluíu a sétima edición do Camiño Gastronómico do Mar, que volveu reunir nun mesmo percorrido diferentes localidades da comarca arredor da promoción do territorio e dos seus atractivos.

0.10077810287476