O Campus Industrial de Ferrol achegará a cultura castrexa ao alumnado con obradoiros prácticos

O Campus Industrial de Ferrol acollerá os "Laboratorios Castrexos", unha iniciativa educativa destinada a achegar a arqueoloxía, a cultura castrexa e o patrimonio histórico ao alumnado de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de Ferrolterra. O programa aposta por unha metodoloxía participativa na que os escolares teñen un papel activo na aprendizaxe.
A proposta está promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, e conta co financiamento da Fundación L. Monteagudo. O obxectivo é favorecer o coñecemento e a valoración do patrimonio cultural a través de actividades prácticas adaptadas ás distintas idades.
A programación estrutúrase en tres obradoiros. O primeiro, "Construímos un poboado castrexo", está dirixido ao alumnado de primeiro e segundo de Primaria. A través de tarefas como pintar, recortar e pegar, os participantes descubrirán que é un castro e elaborarán a súa propia representación dun asentamento castrexo.
O segundo laboratorio, "As pegadas do barro", está destinado aos escolares de terceiro a sexto de Primaria e de primeiro da ESO. A actividade permitirá coñecer a relevancia da cerámica na cultura castrexa e elaborar unha peza propia.
A terceira proposta, "As orixes da moda", incorporarase proximamente á programación e estará dirixida ao alumnado de quinto e sexto de Primaria e de primeiro da ESO. Neste caso, o obradoiro centrarase na vestimenta castrexa, con especial atención aos tecidos e aos ornamentos empregados naquela época.
As tres actividades estarán supervisadas por Lucía Brage Martínez, doutora en Protección do Patrimonio Cultural pola Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Cada sesión terá unha duración aproximada de 90 minutos e ofrecerá un máximo de 25 prazas.
Os laboratorios non disporán dun calendario fixo de celebración, senón que se organizarán en función das peticións dos centros educativos e da dispoñibilidade de espazos no Campus Industrial de Ferrol. A participación será totalmente gratuíta.
Os centros interesados poden solicitar máis información no teléfono 881 013 820 ou a través do correo electrónico arqueodromo.ferrol@gmail.com.