O Campus Industrial de Ferrol crea uns trofeos únicos para o Pantin Classic con impresión 3D que incorporan area

O surf e a innovación tecnolóxica únense este ano no Abanca Pantin Classic Galicia Pro a través dunha colaboración coa Universidade da Coruña. O Campus Industrial de Ferrol encargouse do deseño e fabricación dos oito trofeos que se entregarán na categoría QS 6000 Internacional, unha das máis destacadas do campionato.
As pezas foron concibidas a partir da imaxe dunha onda no momento de romper. O deseño pretende representar a forza, o movemento e a enerxía do océano, elementos estreitamente ligados á esencia da competición que se celebra na praia de Pantín, en Valdoviño.
Un dos detalles máis singulares dos trofeos está no seu interior. A estrutura incorpora area, de maneira que cada peza queda vinculada directamente ao lugar no que se disputa o campionato e se converte tamén nun recordo do territorio.
O proxecto foi desenvolvido polo profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial, Pablo Fernández Galdo, e polo técnico especialista en fabricación aditiva do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, Juan Carlos Becerra Permuy. Ambos participaron tanto na definición do deseño como no proceso de fabricación mediante impresión 3D.
En total producíronse oito trofeos: dous para os primeiros postos, dous para os segundos e catro correspondentes ao terceiro posto.
Para a súa fabricación empregouse filamento PLA, un biopolímero de orixe vexetal elaborado a partir de materias primas renovables. A elección deste material encaixa coa aposta da Universidade da Coruña por explorar alternativas máis sostibles e novos procesos de produción con menor impacto ambiental.
A colaboración chega nunha edición especialmente relevante do Pantin Classic. A competición, que alcanza este ano a súa 39ª edición, conta coa participación de máis de 200 surfistas procedentes de 23 países e prolongarase ata o domingo 30 de agosto. A categoría QS 6000 Internacional ten neste momento a condición de ser unha das probas de maior nivel do circuíto, xunto con outras catro competicións internacionais.
Un espazo para coñecer a investigación que se fai en Ferrol
A presenza do Campus Industrial de Ferrol no campionato non se limita aos trofeos. A Universidade da Coruña instalou tamén un stand divulgativo no que o público pode coñecer diferentes proxectos de investigación e transferencia desenvolvidos en Ferrol.
Entre os contidos están iniciativas relacionadas coa protección do medio mariño, a valorización de residuos, a economía circular, os novos materiais sostibles e a conservación dos ecosistemas costeiros. Tamén se presenta a oferta académica da UDC na cidade.
O espazo conta ademais con actividades prácticas para mostrar como determinados residuos procedentes do mar poden ser transformados en novos produtos. Entre elas figuran obradoiros de clasificación e separación de residuos e demostracións de reciclaxe de plásticos.
Estas actividades empregan unha trituradora cedida por ASPANEPS Fene e unha das máquinas de inxección do Laboratorio de Plásticos do CITENI, permitindo explicar de maneira práctica diferentes procesos relacionados coa economía circular.
O stand permanecerá activo ata o domingo 30 de agosto e estará atendido por estudantes do Campus Industrial de Ferrol.