O Castro renova a súa sala fitness con máis equipamentos e postos de adestramento

O Complexo Acuático de O Castro estrea unha nova configuración da súa sala fitness tras unha actualización integral destinada a ampliar as posibilidades de adestramento das persoas usuarias. A actuación incluíu unha reorganización dos espazos, a incorporación de máis equipamentos e o aumento dos postos dispoñibles.
A nova distribución permite aproveitar mellor a sala e ofrece alternativas para diferentes tipos de exercicio, desde o traballo cardiovascular ata o peso libre e o adestramento funcional. A proposta está pensada tanto para persoas que comezan a practicar actividade física como para usuarios con experiencia que buscan máis variedade.
A instalación, de titularidade compartida polos concellos de Ares e Mugardos e xestionada por Serviocio, combina nun mesmo espazo sala fitness, piscina, actividades dirixidas e zona de benestar.
Piscina, actividades dirixidas e escola de natación
A oferta do complexo complétase cunha piscina destinada á natación e ao fitness acuático, que permite combinar o traballo na sala co exercicio na auga. O centro conta tamén cunha escola de natación.
No apartado de actividades dirixidas, a programación inclúe propostas como Pilates, Pool Gym, HIIT, GAP, Mobility ou Strong Training. Son sesións colectivas con diferentes intensidades e obxectivos que permiten complementar o adestramento individual.
A estas opcións súmase unha zona de benestar e actividades infantís vinculadas á práctica deportiva.
Unha oferta deportiva nun mesmo centro
Coa renovación da sala fitness, o Complexo Acuático de O Castro amplía as alternativas para quen busca mellorar a súa condición física, traballar a forza ou realizar exercicio cardiovascular, sen renunciar á posibilidade de combinar estas prácticas coa piscina e as actividades colectivas.
A información sobre as instalacións, os horarios e os servizos dispoñibles pode consultarse na web de Serviocio.