O Centro Cívico de Canido acollerá un festival solidario de O Talentiño

FerrolXa
O festival celebrarase o domingo 8 de novembro, ás 17:00 horas, con actuacións musicais, sorteos e vendas solidarias
FERROL o talentiño
25 Oct 2026

O Centro Cívico de Canido acollerá o vindeiro domingo 8 de novembro, ás 17:00 horas, O Talentiño Solidario, un festival benéfico organizado polo certame de talentos O Talentiño coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido. A iniciativa reunirá participantes de distintas edicións do concurso e integrantes do seu equipo nunha tarde na que a música e a solidariedade serán as protagonistas.

Impulsado polos ferroláns Joaquín Enríquez e Eva Faraldo xunto aos artistas Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, o evento nace co lema 'O talento que nos une, a solidariedade que nos move'. O obxectivo é mobilizar a cidadanía arredor da loita contra o cancro e contribuír ao apoio das persoas que conviven coa enfermidade e das súas familias.

Dúas causas solidarias

A totalidade da recadación destinarase a dúas entidades que traballan na loita contra o cancro desde ámbitos complementarios. Por unha banda, apoiarase o labor dunha entidade de referencia na investigación, a prevención e o acompañamento ás persoas diagnosticadas e ás súas familias, cunha importante presenza na comarca de Ferrolterra.

Por outra, o festival colaborará con ASARGA, unha asociación dedicada aos sarcomas, un grupo de cancros pouco frecuentes que poden afectar aos ósos e aos tecidos brandos do organismo. Con esta achega, a organización busca contribuír a dar visibilidade a estas enfermidades e á necesidade de seguir impulsando a investigación, o diagnóstico e o apoio ás persoas afectadas.

Deste xeito, O Talentiño Solidario pretende sumar esforzos tanto na loita contra o cancro en xeral como na sensibilización arredor de tumores menos frecuentes.

Música, sorteos e entrada inversa

O programa incluirá actuacións de participantes de O Talentiño e de persoas vinculadas á organización do certame, que colaborarán de maneira solidaria. Ao longo da tarde tamén se realizarán vendas solidarias e sorteos para recadar fondos.

Ademais, o acceso funcionará mediante un sistema de entrada inversa, polo que as persoas asistentes poderán realizar unha achega económica voluntaria en función das súas posibilidades. A proposta busca que a actividade estea aberta a toda a cidadanía e que calquera persoa poida colaborar e gozar dunha tarde de música e convivencia.

O talento ao servizo da sociedade

Con esta iniciativa, O Talentiño quere poñer o talento ao servizo da sociedade e demostrar que a música e a cultura poden contribuír a sensibilizar sobre distintas realidades e apoiar causas sociais. Desde a organización destacan tamén a importancia de implicar a mocidade en propostas solidarias e de fomentar o compromiso colectivo.

A Asociación Veciñal de Canido colabora na celebración do festival, que terá lugar no barrio onde naceu O Talentiño hai catro anos. A organización anima a veciñanza de Ferrol e da comarca a participar nesta xornada benéfica e lembra que cada achega, por pequena que sexa, pode contribuír a apoiar as persoas afectadas polo cancro.

0.17812705039978