O certame Fusa Guillén de Cedeira ofrecerá dúas funcións de teatro afeccionado en decembro

FerrolXa
As compañías O Bicho da Barra e Rebuldeira Teatro actuarán os días 4 e 11 no Auditorio Municipal, despois de que problemas de saúde impedisen pechar a programación inicialmente prevista
CEDEIRA auditorio nadal
29 Nov 2026

O V Certame Fusa Guillén de Cedeira contará finalmente con dúas representacións de teatro afeccionado, que terán lugar os venres 4 e 11 de decembro no Auditorio Municipal, ás 21.00 horas. O programa reduciuse respecto da previsión inicial despois de que unha das compañías seleccionadas non puidese confirmar a súa actuación por cuestións de saúde dun dos seus integrantes e tampouco estivesen dispoñibles os grupos que figuraban como reservas.

O xurado seleccionara inicialmente tres propostas entre as nove presentadas ao certame, ademais de dúas compañías suplentes. As elixidas foron Opaí Teatro, de Ferrol, coa obra 'O Suíña'; O Bicho da Barra, da asociación de Ortigueira, con 'Unha obra para un pobo'; e a Asociación Cultural Rebuldeira Teatro, de Sarria, con 'Vermello'. Como reservas quedaron a Escola de Teatro Xuvenil de Neda, con 'O Principiño', e O Catre Teatro, con 'Paripé, O Cabaré'.

Finalmente, as dúas agrupacións que subirán ao escenario serán O Bicho da Barra e Rebuldeira Teatro. A primeira actuará o 4 de decembro con 'Unha obra para un pobo', unha comedia de humor surrealista dirixida por Agustín Bolaños. A peza conta a historia dunha compañía de teatro afeccionado que queda sen director e sen unha obra que representar. Ante esa situación, os seus integrantes deciden adaptar un texto dun autor vivo, aínda que terán que enfrontarse a unha pregunta: conseguirán estrear a tempo?

O elenco está formado por Andrés Domínguez Bascoy, David Lorenzo Rapa, María Cruz Sabio Teijeiro e María Belén Vizoso García. A compañía da asociación ortegana regresa a Cedeira por segundo ano consecutivo.

A segunda cita chegará o 11 de decembro con 'Vermello', de Rebuldeira Teatro, unha formación de Sarria que vén de obter o premio ao mellor guión orixinal na primeira edición dos premios Feteagal Manuel Lorenzo precisamente por esta obra.

A proposta sitúa a súa historia na Guerra Civil e aborda cuestións como a memoria histórica, a identidade e a resistencia. A peza combina voces contemporáneas, humor e drama para construír un relato que conecta o pasado co presente.

Con estas dúas funcións pecharase a programación da quinta edición do Certame Fusa Guillén, que volve reunir en Cedeira propostas de compañías de teatro afeccionado de distintos puntos de Galicia.

0.10296511650085