O Concello de Cabanas pacta cos sindicatos a implantación da carreira profesional para o persoal municipal

O Concello de Cabanas acordou cos sindicatos a implantación da carreira profesional para o persoal municipal, tanto funcionario como laboral. O documento establece un sistema de progresión baseado na formación, a actualización de coñecementos, o tempo de servizo e o compromiso dos traballadores coa administración local.
O novo modelo contempla cinco categorías ás que poderá acceder todo o persoal municipal. A promoción entre elas terá en conta a realización de cursos, accións formativas e traballos, así como a súa equivalencia en anos de servizo no Concello.
Con esta medida, o goberno local busca incentivar a mellora profesional dos empregados públicos e, ao mesmo tempo, favorecer a calidade dos servizos que se prestan á veciñanza.
A aplicación comezará en 2027
O acordo foi alcanzado por unanimidade entre o Concello e as organizacións sindicais. A previsión é que o sistema comece a aplicarse en 2027, aínda que antes deberá completar a tramitación necesaria para a súa aprobación definitiva.
O alcalde, Fernando Couce, agradeceu aos sindicatos a súa disposición ao diálogo para alcanzar un entendemento e destacou as melloras introducidas nos últimos meses nas condicións do persoal municipal.
Entre os avances citou a finalización do proceso de estabilización laboral, a actualización dos convenios colectivos e, agora, a regulación da carreira profesional.