O Concello de Moeche reforza o seu apoio ao Festival Irmandiño cun convenio de 9.000 euros para a súa 47ª edición

FerrolXa
O evento celebrarase do 21 ao 23 de agosto cun cartel encabezado por Fillas de Cassandra, Xosé Lois Romero e Aliboria, Leilía, Os D'Abaixo e No Cómbaro, ademais de numerosas actividades culturais e históricas
MOECHE colabo irmandiños
7 Aug 2026

O Concello de Moeche e a Asociación Cultural Irmandiños volveron escenificar o seu compromiso co Festival Irmandiño coa sinatura do convenio de colaboración para a celebración da súa XLVII edición. A alcaldesa, Beatriz Bascoy Maceiras, e o presidente da entidade organizadora, Alexandre Campos Saavedra, formalizaron un acordo que contempla unha achega municipal de 9.000 euros destinada á organización dun dos festivais culturais máis emblemáticos de Galicia.

A cita terá lugar entre o venres 21 e o domingo 23 de agosto, cun amplo programa que combinará música, recreación histórica, xogos populares e actividades para todos os públicos nos espazos do campo do Melle e do Castelo de Moeche. A presentación oficial desta edición celebrarase o mércores 12 de agosto no propio castelo.

O apoio do Concello non se limita á achega económica. A administración local tamén facilita material loxístico, como valados e colectores, presta apoio de persoal municipal, coordina o operativo de Protección Civil con agrupacións doutros concellos e permite a visita gratuíta ao Castelo de Moeche durante toda a xornada do sábado, día central da celebración.

Ademais, o Concello asume a contratación do grupo Os D'Abaixo a través do programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que financia o 75% do custo da actuación. Pola súa banda, a Asociación Cultural Irmandiños encárgase da contratación do resto dos grupos, así como da organización do recinto, a limpeza, o alugamento do escenario, a iluminación e son, o plan de prevención, o seguro de responsabilidade civil, a instalación de baños e a promoción do festival.

Un cartel con grandes nomes da música galega

A organización xa deu a coñecer boa parte da programación musical, que contará con artistas de referencia da escena galega actual. O cartel estará encabezado por Fillas de Cassandra, Xosé Lois Romero e Aliboria, Leilía, Os D'Abaixo e No Cómbaro, nunha proposta que mestura música tradicional, folk e sons contemporáneos. O festival manterá así a súa identidade de promoción da cultura galega e da memoria da Revolta Irmandiña.

Xunto aos concertos, o programa volverá incluír algunhas das actividades máis representativas da festa, como o asalto ao Castelo de Moeche, o asalto infantil, os xogos populares, as 'merendas', o espectáculo pirotécnico, obradoiros e outras propostas para todas as idades, convertendo o recinto nun espazo de convivencia durante toda a fin de semana. Tamén regresará o Trail dos Irmandiños Castelo de Moeche, organizado polo Club 21Leguas e previsto para o sábado 22 de agosto.

O Festival Irmandiño, que se celebra de maneira ininterrompida desde hai 47 anos, é un dos eventos culturais máis veteranos de Ferrolterra e mantén o seu carácter gratuíto grazas ao traballo do voluntariado, da Asociación Cultural Irmandiños e á colaboración do Concello de Moeche, da Deputación da Coruña e doutras entidades e empresas colaboradoras.

0.092972040176392