O Concurso Nacional Canino volverá a celebrarse en Cerdido o 13 de decembro

FerrolXa
A terceira edición consecutiva do certame terá lugar no Pavillón Municipal da Barqueira e estará aberta a cans de todas as razas
CERDIDO concurso cans
22 Nov 2026

Cerdido acollerá o domingo 13 de decembro a terceira edición do Concurso Nacional Canino, organizado pola Sociedade Canina Galega. A competición desenvolverase no Pavillón Municipal da Barqueira e estará aberta a exemplares de todas as razas, baixo a normativa da Real Sociedade Canina de España (RSCE).

O certame conta coa autorización da Federación Cinolóxica Internacional (FCI) e da RSCE. Nesta edición tamén participará o veciño de Cerdido Juan Gomariz, recoñecido a nivel estatal neste tipo de competicións.

Para participar será necesario formalizar a inscrición e cumprir os requisitos administrativos e veterinarios establecidos pola normativa da RSCE, incluído o rexistro nos libros de orixes correspondentes.

No caso dos cans pertencentes a razas consideradas potencialmente perigosas en Galicia, os propietarios deberán enviar á organización antes do 27 de novembro a documentación esixida pola Xunta para tramitar os permisos. Entre os documentos requiridos figuran a licenza, o seguro, o rexistro do microchip e o certificado sanitario anual.

O alcalde, Alberto Rey, destacou que esta será a terceira ocasión consecutiva na que o municipio acolla o concurso e agradeceu á Sociedade Canina Galega que volva escoller as instalacións municipais da Barqueira. O rexedor sinalou que a cita atraerá participantes e visitantes ao concello ao longo da xornada.

O evento conta co patrocinio de Arion e coa colaboración do Concello de Cerdido e do Xeoparque Cabo Ortegal. As persoas interesadas en consultar as bases ou formalizar a inscrición poden facelo na web www.caninagalega.com ou no teléfono 986 377 305.

0.096152067184448