O Día de Narón terá a súa gran cita festiva o próximo 23 de novembro

FerrolXa
A programación inclúe actuacións das agrupacións do Padroado da Cultura e unha degustación gratuíta de callos e bolos preñados
NARON dia de naron 23.11
17 Nov 2026

Narón prepárase para celebrar o vindeiro luns, 23 de novembro, o seu día grande cunha xornada festiva que combinará xogos populares, música tradicional e gastronomía. A programación desenvolverase na praza 23 de Novembro, en horario de mañá e tarde, e incluirá unha degustación de callos e bolos preñados aberta a todas as persoas que se acheguen á celebración.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Festas, Mar Gómez, presentaron os actos previstos para esta festividade local, que a cidade conmemora desde 1993. A data coincide coa da primeira acta oficial conservada de Narón, correspondente ao ano 1837, e busca poñer en valor a historia, as tradicións e a identidade do municipio.

As actividades comezarán ás 11.30 horas cunha sesión de xogos populares, que se prolongará ata as 12.30 horas. A continuación, tomarán o relevo as agrupacións culturais do municipio, coa actuación do grupo da Escola de Cantareiras e Pandeireteiras e da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón.

Un dos momentos centrais da xornada chegará ao mediodía coa degustación de callos e bolos preñados, prevista entre as 13.00 e as 15.00 horas. A proposta permitirá compartir algúns dos sabores tradicionais nunha celebración aberta á participación da veciñanza.

A programación continuará pola tarde coa actuación do Dúo Trasnos, que ofrecerá música e baile tradicional para pechar os actos festivos do 23 de novembro.

En caso de choiva, todas as actividades previstas na praza trasladaranse ao pavillón Campo da Serra.

A Gala do Deporte celebrará a súa 37ª edición

A conmemoración do Día de Narón completarase o venres 27 de novembro coa celebración da XXXVII Gala do Deporte. A cita terá lugar no Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas e servirá para recoñecer o labor dos mellores deportistas e clubs do municipio ao longo do ano. A gala culminará co nomeamento do mellor deportista de Narón.

Marián Ferreiro animou a veciñanza a participar nas diferentes propostas e destacou o carácter colectivo da celebración. 'É un día para que todas e todos amosemos en público o orgullosos que estamos da nosa cidade, da súa historia e das súas tradicións, no que todos nos sintamos parte dela e desfrutemos xuntos dunha programación festiva', sinalou a alcaldesa.

0.16285800933838