O éxito da charla sobre o eclipse obriga a abrir unha nova sesión en Cedeira

A gran resposta do público á charla divulgativa sobre o eclipse solar levou ao Museo Mares de Cedeira a programar unha nova sesión para atender a elevada demanda. A actividade prevista inicialmente para o 11 de agosto completou todas as súas prazas en pouco tempo, deixando numerosas persoas en lista de espera.
Ante esta situación, a organización decidiu convocar unha segunda sesión o 10 de agosto, ás 20.00 horas, tamén nas instalacións do Museo Mares. A charla correrá a cargo de Fermín Mosquera, capitán da mariña mercante xubilado, que ofrecerá unha explicación divulgativa sobre o eclipse solar baixo o título 'Eclipse sobre o mar de Cedeira. Cando o día se volve noite sobre o mar'.
A actividade permitirá aos asistentes coñecer mellor un dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano e prepararse para a súa observación. Ademais, cada participante recibirá unhas gafas especiais para ver o eclipse con seguridade.
A entrada é gratuíta, aínda que o aforo é limitado. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando ou enviando unha mensaxe ao teléfono 614 209 504.