O Felicia Pop regresa esta fin de semana para converter Fene na capital da música independente

GaliciaXa | FerrolXa
O festival reunirá bandas nacionais e internacionais na Hortiña de Limodre, cunha sesión vermú gratuíta de The Homens organizada polo Concello
FENE felicia pop 2026
31 Jul 2026

O Parque da Hortiña de Limodre volverá encherse de música esta fin de semana coa celebración dunha nova edición do Felicia Pop, un dos festivais independentes máis consolidados de Galicia e unha das grandes citas culturais do verán en Fene.

A poucos días do inicio do evento, a alcaldesa, Sandra Permuy, e os concelleiros de Cultura e Servizos, Justo Ardá e Adán Chao, reuníronse coa organización para ultimar os preparativos e coordinar os diferentes aspectos relacionados co desenvolvemento do festival.

A rexedora destacou que o Felicia Pop "é xa un dos grandes referentes culturais de Fene e un festival que contribúe decisivamente a proxectar o nome do concello fóra das nosas fronteiras". Tamén agradeceu o traballo da organización e do voluntariado, ao tempo que reafirmou o compromiso do Concello para seguir apoiando unha iniciativa que considera parte da identidade cultural do municipio.

O apoio municipal materialízase a través dunha subvención nominativa de 11.000 euros, ademais dun amplo dispositivo loxístico coordinado desde diferentes áreas municipais para garantir o correcto desenvolvemento do festival.

A programación arrancou coa festa de presentación celebrada na Cantina da Escola e continuará este venres coas actuacións de Bluesons ás 21.40 horas, Lunamotos ás 22.35 horas, Radio Days ás 23.40 horas, The Magnolias á 1.00 horas e The Peawees ás 2.30 horas.

O sábado será a quenda de Todo el Largo Verano ás 21.40 horas, Bule ás 22.40 horas, Lolas ás 23.40 horas, Mi Vida Rosa á 1.10 horas e The Meaws ás 2.40 horas.

Como complemento ao festival, o Concello de Fene organizará o sábado 1 de agosto, ás 12.30 horas, unha sesión vermú gratuíta protagonizada pola banda compostelá The Homens no Parque da Hortiña. A actuación forma parte do programa Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia.

Os abonos para asistir ao Felicia Pop teñen un prezo de 30 euros en venda anticipada e 40 euros en portelo. As entradas dun día custan 25 euros anticipadas e 30 euros o mesmo día do festival.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición dun evento que, ano tras ano, converte Fene nun dos grandes referentes da música independente en Galicia e contribúe tamén á dinamización cultural, turística e económica do municipio.

0.090560913085938