O Fene Rock enche San Valentín de música durante tres días con 11 bandas e actividades gratuítas

San Valentín prepárase para vivir desde esta noite unha nova edición do Fene Rock, un dos festivais musicais máis consolidados do calendario cultural de Fene. A programación estenderase durante todo o fin de semana con concertos nocturnos, sesións vermú, actividades polas rúas e un xantar popular.
A organización ultima estes días a montaxe do recinto coa colaboración do Concello de Fene. A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Servizos, Adán Chao, desprazáronse ata o espazo do festival para revisar os traballos e coordinar os medios municipais necesarios para a celebración.
O Concello apoia o evento cunha subvención nominativa de 11.000 euros, ademais de achegar medios loxísticos, persoal municipal e tarefas de limpeza e acondicionamento antes, durante e despois do festival.
O venres, catro concertos e sesión de DJ
A primeira xornada arrincará esta noite coa actuación de Window Pane ás 21.45 horas. A continuación chegarán Aphinnic, ás 23.05 horas; Hamlet, ás 00.30 horas, e Abaixo Cu Sistema, ás 02.20 horas.
A programación nocturna pecharase coa sesión de DJ R4tibrón.
O sábado, música desde o mediodía
O sábado será a xornada con máis actividade. A programación comezará ás 12.30 horas cunha sesión vermú de acceso gratuíto, protagonizada por Tona, o novo proxecto musical de Miguel Cernadas, integrante de Terbutalina.
O concerto está promovido polo Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña. Ás 14.00 horas tomará o relevo MU2.
Pola tarde, a música trasladarase ás rúas coa charanga Galiza Sound Machine, que realizará un roteiro por Fene antes de regresar ao recinto para a programación nocturna.
Xa pola noite, os concertos comezarán ás 21.30 horas con Nuada. Ás 23.00 horas será a quenda de El Drogas, seguido de CGPP ás 00.50 horas e Golfa ás 02.20 horas. DJ R4tibrón volverá encargarse do peche da noite.
O festival continuará o domingo
A música non rematará o sábado. O Fene Rock prolongará a súa programación durante a mañá do domingo cunha nova sesión vermú aberta ao público a partir das 12.30 horas.
Nesta ocasión actuarán Los Tigres del Cañotas e Combos Rockschool, e a xornada finalizará cun xantar popular que servirá como peche de tres días de actividades arredor do festival.
Desde o Concello destacan a colaboración coa organización e o papel do evento na actividade cultural do municipio. Pola súa parte, a organización mantén á venda as entradas para os concertos a través da web oficial do festival.