O Festalent reúne en Ferrol máis de 50 empresas e entidades para conectar talento e emprego

FerrolXa
A cuarta edición da feira, organizada polo Campus Industrial da UDC, conta cunha elevada afluencia de público e pecharase cunha conferencia de Pablo Amade sobre o poder das narrativas
FERROL udc FESTALENT
29 Oct 2026

O Pavillón Municipal de Esteiro acolle este xoves a cuarta edición do Festalent, a Feira de Empresas e Talento organizada polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), que reúne máis de 50 empresas, entidades e asociacións. A cita, que está a rexistrar unha elevada afluencia de público, facilita o contacto directo entre o tecido empresarial e as persoas interesadas en atopar unha primeira oportunidade laboral ou cambiar de emprego.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, visitou os diferentes postos acompañado pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares, e polo director do Campus Industrial, Marcos Míguez. Durante o percorrido, puideron coñecer a actividade das organizacións participantes e as oportunidades de emprego que ofrecen.

A feira permite ás persoas asistentes informarse sobre os perfís profesionais máis demandados, así como sobre as ofertas de prácticas e emprego dispoñibles. Entre as empresas participantes figuran Navantia, Indra, Reganosa, Finsa, Applus+, Primark, Norvento Enerxía, Genesal Energy e Technip Energies Iberia, xunto a outras compañías de ámbitos como a enxeñaría, a industria naval, a enerxía e a tecnoloxía.

O encontro conta tamén coa presenza de entidades empresariais e profesionais como a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación Clúster Naval Gallego (ACLUNAGA), a Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia (ASIME) e COGAMI, ademais de organismos e servizos vinculados ao emprego e ao emprendemento.

A cuarta edición do Festalent enmárcase no programa ImpúlsaT da UDC e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Unha conferencia sobre o poder das narrativas

A programación pecharase ás 18:15 horas cunha conferencia no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. Pablo Amade, fundador e director creativo de Morbo Brand Makers, impartirá o relatorio 'O poder das narrativas', no que reflexionará sobre como as historias permiten construír significado, xerar vínculos e dar forma ás marcas persoais e empresariais.

A intervención tamén abordará a capacidade das narrativas para conectar co público, transmitir ideas e mobilizar persoas arredor de proxectos.

0.16128087043762