O Freixo, nas Pontes, celebra a súa romaría a primeira fin de semana do mes

A parroquia do Freixo, no concello das Pontes, xa ten todo listo para acoller a súa tradicional Romaría da Nosa Señora de Pena de Francia, que se celebrará esta fin de semana.
As celebracións arrincarán o sábado 5 ás 13.00 horas coa misa solemne, á que seguirá a habitual procesión polas contornas do templo. Ao remate dos actos relixiosos, a música tomará o relevo na sesión vermú da man do dúo En Clave de Ti. Xa pola noite, a partir das 22.00 horas, dará comezo a gran verbena nocturna, onde a animación musical correrá a cargo de Marisol xunto co dúo En Clave de Ti, garantindo baile e diversión ata altas horas.
O domingo, continuará a festividade coa misa solemne das 13.00 horas e a posterior procesión. Trala cita relixiosa, terá lugar un dos momentos máis agardados da xornada, a tradicional poxa de produtos locais, na que os asistentes poderán poxar por artigos da terra. A continuación, a festa prolongarase cunha sesión vermú longa amenizada polo dúo Venus, poñendo o broche de ouro a esta edición da romaría.