O galego, a debate en cinco mesas de traballo en Ferrol para actualizar o plan de normalización lingüística

Máis de vinte anos despois da aprobación do seu Plan de Normalización Lingüística, o Concello de Ferrol promoverá un proceso de reflexión colectiva para avaliar a situación actual do galego e buscar novas vías para impulsar o seu uso social. A iniciativa inclúe cinco mesas de traballo sectoriais nas que se abordarán os avances acadados, as dificultades existentes e os retos pendentes para favorecer a presenza da lingua en distintos ámbitos da vida cotiá.
A Concellería de Educación, Universidade e Política Lingüística considera necesario revisar a realidade lingüística do municipio desde a aprobación do plan en 2003, unha iniciativa pioneira no ámbito municipal galego. Para iso, busca implicar as entidades asociativas, cuxa experiencia e contacto directo coa sociedade poden contribuír a identificar necesidades, oportunidades e propostas concretas.
As sesións celebraranse nas instalacións municipais e terán unha duración máxima de dúas horas. A primeira estará dedicada ao ensino e á mocidade e terá lugar o mércores 28 de outubro, de 17.30 a 19.30 horas. Ao día seguinte, o xoves 29, será a quenda do deporte, cunha reunión de 10.00 a 12.00 horas.
A programación continuará o martes 3 de novembro coa mesa do ámbito sociocultural, de 17.30 a 19.30 horas. O mércores 4 celebrarase a sesión centrada no sector socioeconómico, no mesmo horario, mentres que o xoves 5 de novembro terá lugar o encontro dedicado aos medios de comunicación, de 10.00 a 12.00 horas.
As entidades poderán inscribirse nas mesas sectoriais
A participación das asociacións considérase fundamental para coñecer a realidade lingüística da cidade e formular medidas que contribúan a incrementar o uso do galego. As entidades interesadas deberán seleccionar a mesa que mellor se axuste ao seu ámbito de actuación e confirmar a asistencia a través do formulario habilitado.
Para resolver dúbidas ou obter máis información sobre o proceso, as persoas interesadas poden contactar co equipo responsable no correo electrónico info@rexenerando.com ou no teléfono 690 831 739.